Site icon Crónica3.com A Mariña

O Alcalde de Ribeira de Piquín traslada a Balseiro as cinco débedas “máis salientables” da Xunta cos veciños do Concello

Ribeira de Piquín, 17 de abril de 2018.- O Alcalde Socialista de Ribeira de Piquín, Roberto Fernández Rico, trasladou ao Delegado Territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, as cinco débedas pendentes “máis salientables” que o Goberno galego do PP mantén cos veciños deste Concello. Fíxoo durante a visita do Delegado ao municipio, facéndolle entrega dun documento coa relación das mesmas.

1ª DÉBEDA: Cesión dun vehículo motobomba. O Alcalde explicou que Ribeira de Piquín é un dos poucos Concellos da provincia sen equipamento para a extinción de incendios, que o 80% da superficie do municipio é forestal e que fixo esta reclamación á Conselleira de Medio Rural, á Xefa Territorial de Medio Ambiente e ao Director Xeral de Montes. Esta é unha das principais necesidades do Concello, que o Alcalde busca resolver dende hai tres anos e que agarda que así sexa ante da vindeira seca.

2ª DÉBEDA: Limpeza e conservación da área recreativa da Retorta e do muíño de Fidalgo, que son de titularidade autonómica. O Rexedor lembrou que as actuacións levadas a cabo nesta contorna se fixeron con fondos municipais, como o arranxo do refuxio de pescadores, pois destacou que están asentadas a carón dunha das rutas de sendeirismo do Concello, sendo un atractivo turístico. Fernández Rico pide á Xunta actuacións de mantemento ou ben a súa cesión ao Concello.

3ª DÉBEDA: Reconversión das instalacións piscícolas de Santalla nun centro de formación e produción ecolóxica. O Alcalde traballa nun proxecto de promoción do emprego e do turismo do Concello mediante a posta en valor da piscifactoría, que está en desuso dende 2013. Busca converter estas instalacións nun lugar de interese para os visitantes onde se impartan xornadas sobre pesca. O Rexedor está a manter contactos con outras administracións e coa propietaria da piscifactoría para tentar desenvolver un proxecto conxunto.

4ª DÉBEDA: Colaboración administrativa e económica no Centro de Día Municipal. O Rexedor explicou que o Concello ten listas as obras, que financiou con 275.000 euros da Deputación, así como o regulamento e o plan de viabilidade. Por este motivo, nos vindeiros días solicitará á Xunta de Galicia o Permiso de Inicio de Actividade (PIA), agardando axilidade na súa concesión para poder abrir estas instalacións. O Alcalde pide colaboración no financiamento das 24 prazas que ofrece o centro de día para garantir a todos os veciños o acceso ás mesmas.

5ª DÉBEDA: Execución de traídas de auga. Durante os últimos tres anos, o Alcalde mellorou varias traídas de auga con fondos do Concello polo que agarda que a Xunta de Galicia colabore neste eido, tendo en conta que é a administración que recibe os fondos municipais polo canon da auga.

Exit mobile version