Site icon Crónica3.com A Mariña

O Barco museo Reina del Carmen volve estar no peirao de Burela despois de terlle realizado as correspondentes tarefas de mantemento

Burela, 17 de abril de 2018. O barco museo Reina del Carmen xa está de novo no peirao de Burela despois de pasar varios días no estaleiro para sometelo a diferentes tarefas de mantemento. O concelleiro de Turismo, Ramiro Fernández Rey agradeceu a profesionalidade e a rapidez do traballo realizado por Astilleros Armón e declarou que estes días se están a instalar no porto, no lugar onde está atracado o barco, barreiras de protección para evitar danos no seu casco cando se rexistran temporais.
O edil burelés confirmou que “xa volvemos o barco ao seu sitio no peirao despois de facerlle o mantemento que hai que facerlle regularmente, cada dous anos é bo levar o barco ao estaleiro e revisar como está. Temos que agradecer o traballo a Astilleros Armón neste caso pola súa profesionalidade e pola súa rapidez tamén para poñer o barco ao día”.
O concelleiro de Turismo explicou que “se pintou, se revisou e o barco está en perfectas condicións despois da gran reparación que lle fixéramos no ano 2016. Xa está no seu sitio e xa está empezando a recibir visitas”.
Fernández Rey subliñou que “no día de hoxe están empezando a poñer as barreiras de defensa que se comprometera Portos a colocar, que vai ser unha cousa boa para o barco para cando hai temporais que non sufra danos”.
O edil asegurou que “o barco agora queda en estado de revista para os próximos dous anos, se non hai ningunha novidade, e é un orgullo poder seguir mostrando a cultura mariñeira e o barco museo a todos os veciños e veciñas de Burela e aos visitantes”.

Exit mobile version