Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Foz solicita ao Concello que cumpla a lexislación en materia lingüística

Foz, 23 de abril de 2018. As concelleiras do BNG-AA de Foz, Lorena Seivane e Teresa Rego, presentan para o seu debate no próximo pleno, que se celebrará o xoves 26 de abril, unha moción reclamando un maior uso do galego por parte do Concello, como corresponde a unha Administración Pública que ten o deber de protexer e promover a nosa lingua.

A moción vén motivada polo retroceso no uso do galego por parte da institución municipal que se pode observar nos últimos tempos.

O BNG demanda nesta moción que o equipo de goberno proceda á substitución ou corrección dos sinais de tráfico escritos en castelán na Avenida da Mariña e noutras zonas do concello por outros que estean en galego, e que sexan tamén en galego os que se han de instalar na rúa Álvaro Cunqueiro cando rematen as obras de reforma.

Asimesmo propón que o equipo de goberno dispoña que as comunicacións escritas e informes emitidos polas distintas dependencias do Concello que actualmente en moitos casos son redactados en castelán o sexan en galego a partir de agora, e que os cartaces que anuncien actividades que se realizan no noso concello e nas que colabore a institución municipal sexan escritos na lingua propia de Galiza.

As concelleiras nacionalistas citan o Estatuto de Autonomía, a Lei de Normalización Linguística, a Lei de Administración Local de Galicia, o Texto Refundido da Lei da Función Pública de Galicia e os distintos decretos e ordes que desenvolven estes textos, que teñen en común o recoñecemento da obriga por parte das distintas Administracións de garantir os dereitos linguísticos dos cidadáns e de protexer e promover a lingua galega.

Tamén subliñan na exposición de motivos da moción a importancia da presenza do noso idioma nos espazos públicos e oficiais, tendo en conta que o seu uso constante e crecente nestes ámbitos é a única garantía da súa supervivencia.

Exit mobile version