Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG organiza un debate público sobre os ventres de alugueiro este sábado 21 de abril ás 17.30 en Burela

A Mariña, 16 de abril 2018. O vindeiro sábado 21 de abril, a partires das 17.30 horas na Antiga Biblioteca de Burela (r/ Correo, 3), o Bloque Nacionalista Galego mariñán celebrará unha charla-debate arredor dos ventres de alugueiro, unha práctica mal denominada en moitas ocasións «xestación subrogada».
O tema dos ventres de alugueiro saíu á palestra logo dunha tentativa de regulación mediatizada e a través dunha proposta de iniciativa lexislativa popular. A realidade é que foi impulsada por asociacións interesadas economicamente nesta regulación e respaldada por PP e Ciudadanos.
Defender a práctica dos ventres de alugueiro é lexitimar a compra-venda de bebés
O Bloque Nacionalista Galego denuncia a práctica dos ventres de alugueiro como unha explotación máis do corpo das mulleres máis empobrecidas e vulnerábeis, polo que esixe a súa erradicación e se opón firmemente á súa legalización, regulamentación e banalización.
Con esta charla o BNG pretende facer un chamamento para que tanto mulleres como homes cobren conciencia sobre o que realmente agocha o negocio dos ventres de alugueiro, posibilitando o amparo necesario para aquelas mulleres que están a ser explotadas en favor duns intereses única e exclusivamente económicos.
O debate contará coa participación de Olalla Rodil, deputada do BNG no Parlamento Galego; e de Neal Baxter, membro dos grupos de traballo LGBTI+ e Acción Feminista do BNG, quen explicarán a posición adoptada pola formación nacionalista dende o momento no que se xerou o debate en torno aos ventres de alugueiro até agora.

Exit mobile version