Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo actuará na zona do Porto de Arriba, en San Cibrao

Cervo, 16 de abril de 2018.- O Concello de Cervo vai acometer unha actuación integral na rúa do Faro, no Porto de Arriba de San Cibrao.
Así o anunciou hoxe o rexedor Alfonso Villares, quen se desprazou ata a zona, coa edil de Medio Ambiente, Manuela Méndez, para analizar o proxecto que foi presentado dentro do Plan Único da Deputación Provincial e que suporá unha inversión de 211.580 euros.
O alcalde apuntou que consideramos importante destinar unha parte substancial desta dotación a esas infraestruturas básicas que non se ven pero que entendemos que son fundamentais para a nosa veciñanza.
Villares concretou que os traballos que se van acometer contemplan a mellora do pavimento da rúa, eliminando barreiras arquitectónicas e renovando a rede de saneamento, independizando a recollida de augas fecais e pluviais; reemprazando as canalizacións existentes de fibrocemento por outras de PVC.
Ademais, tamén se renovará a rede de alumeado público, substituíndo o tendido en superficie por unha canalización soterrada “co que reducimos o impacto visual, contribuíndo á humanización de toda esta contorna”.
O rexedor apuntou que para acometer esta importante actuación precisamos dos informes da Dirección Xeral de Costas e de Patrimonio –xa que a zona está inventariada-, que xa foron solicitados.
Villares destacou que esta obra segue a mesma liña que outros proxectos que vimos presentando en semanas pasadas; “todas as actuacións que plantexamos foron concibidas baixo tres premisas: a mellora da accesibilidade coa eliminación das barreiras arquitectónicas, a humanización da zona na que se actúa e a aposta polo saneamento, independizando as canles de recollida de fecais e pluviais”.

Exit mobile version