Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Foz executou obras de mellora de accesibilidade entre a Rapadoira e As Torres. Ademais fará unha zona deportiva e cambiará o alumeado público

Foz, 5 de abril de 2018. O Concello de Foz realizou obras de mellora de accesibilidade na zona comprendida entre A Rapadoira e As Torres onde acaba de construír dez ramplas de acceso a pasos de peóns para persoas con mobilidade reducida. Ademais farase unha zona deportiva en As Torres e cambiaranse as farolas do alumeado público nas rúas Breogán, Illa Nova e Rego de Foz.
O alcalde, Javier Jorge Castiñeira, explica que “dentro do plan de dinamización da zona que hai en Foz entre A Rapadoira e As Torres, temos que anunciar que xa se construíron, nesta última semana, dez pasos para accesos para persoas con mobilidade reducida. Eran necesarios posto que é unha zona na que usuarios deste tipo nos demandaban máis comodidade para acceder ás beirarrúas e pasar polos pasos de peóns. É certo que había esa necesidade e dentro da mellora da mobilidade do noso concello esta era unha zona que o necesitaba”.
O rexedor municipal engade que esta obra “únese a este plan co que queremos que a zona de As Torres teña moitísimo máis protagonismo e motísima máis actividade da que ten. O ano pasado fixéronse obras importantes como o asfaltado de toda a urbanización As Torres, tamén de aparcamentos do viario que hai entre As Torres e Corporacións, mellorouse moito ese acceso e fíxose unha reorganización da circulación. A isto hai que unir a nova noticia de incluír nese plan a nova área deportiva que imos facer en As Torres. Meteremos tamén a substitución de farolas na zona das rúas Illa Nova, Breogán e Rego de Foz, o cambio desas farolas esféricas que hai, que son totalmente ineficaces, por outras de catro metros, igual que se fixo no paseo da Ribeira”.
Javier Castiñeira destaca que “nestes dous anos vaise facer un cambio de imaxe importante na zona de As Torres, que o necesitaba e é algo que levábamos no noso programa. Eu creo que era unha obriga por parte do equipo de goberno posto que levaba moitos anos esta zona con moi poucos e investimentos e eu creo que os merece. Hai moitos residentes, moitos turistas, é unha zona moi preto da praia, con moita hostalería e vimos que coa reorganización que se fixo de tráfico nas rúas Illa Nova e Mariñeiro Chila fomos mellorando moito esta zona. Eu creo que é unha aposta importante do equipo de goberno por este barrio”.

Exit mobile version