Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Foz freta un autobús para que os afeccionados do CD Foz viaxen este domingo a Monforte

Foz, 24 de abril de 2018. O Concello de Foz freta un autobús para que os veciños que o desexen viaxen gratuitamente a Monforte este domingo, día 29, para apoiar ao CD Foz, que se enfronta ao Lemos, nun partido decisivo para o ascenso de categoría.
O alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, explica que se organiza esta viaxe “dado a boa traxectoria que está tendo o noso club na Primeira Rexional e disputando nestes días encontros importantes para o ascenso, concretamente na próxima xornada contra o Lemos, de Monforte, que é o club que o segue e que está loitando co Club Deportivo Foz para o ascenso. O que quere facer o Concello de Foz, concretamente a Concellería de Deportes, é apoiar ao noso club para que teña máis arroupo na consecución do seu obxectivo, que é o ascenso”.
Javier Castiñeira engade que “para iso imos poñer un autobús que sairá o domingo pola mañá, ás once, dende o campo Martínez Otero e levaranos a Monforte, comeremos alí, por conta propia de cada persoa que se queira achegar, e despois iremos ver o partido. Todas aquelas persoas que queiran viaxar no autobús teñen que apuntarse na Casa da Xuventude do Concello de Foz ou chamando ao teléfono 982.133.037”.
O rexedor quere “animar a todo o mundo a que se achegue a pasar unha xornada na capital da Ribeira Sacra e a apoiar ao noso equipo para que poida canto antes conseguir ese obxectivo que temos todos, que é ascender á Rexional Preferente”.

Exit mobile version