Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Viveiro remítelle a Portos de Galicia un escrito para tratar o tema da praia de Covas

Viveiro 25-4-18. O concello remitiu un escrito a D. José Juan Durán Hermida, presidente de Portos de Galicia, no que lle explicaba que onte mantiven unha reunión coa plataforma veciñal creada en defensa da praia de Covas.
No escrito transmitinlle a nosa preocupación pola degradación do areal e polos efectos que esta acción pode provocar nas vivendas, sobre todo no caso daqueles veciños que viven en primeira liña de praia. Tendo en conta que este inverno foi especialmente duro canto ás inclemencias meteorolóxicas e os temporais de mar que afectaron a esta zona, o medo dos veciños é lóxico e comprensible.
Neste escrito expliqueille que na xuntanza de onte acordamos que este concello solitase a Portos de Galicia información con respecto ao estudo que ese ente está a realizar sobre a praia de Covas, co fin de saber se xa está rematado e, nese caso, saber cándo e cómo podemos ter acceso ao documento. Tamén acordamos solicitarlle a D. José Juan Durán Hermida unha reunión co fin de poder falar sobre este problema, para coñecer de primeira toda a información que Portos de Galicia poida achegar ao respecto; a esa xuntanza, que de ser posible podería celebrarse en Viveiro, ben en dependencias municipais, ben nas oficinas da Xunta de Galicia en Celeiro, asistiriamos os veciños de Covas e mais eu mesma.
Este concello xa adoptou diversas medidas, como a realización de catas no paseo marítimo para coñecer o seu estado ou o recheo con formigón que vai levar tras comprobar, nas catas realizadas, e existencia de oquedades; pero entendemos que se trata dun problema grave que require da implicación e axilidade de todas as administracións implicadas. Os veciños están a ter paciencia e agardan, calados, a actuación das administracións, pero é de comprender a súa preocupación e o seu medo, úrxelles coñecer o informe de Portos e saber cando se vai actuar ao respecto.
Por todo isto, agardamos poder recibir pronto noticias de Portos de Galicia tanto con respecto ao informe sobre a praia como no que atinxe á data da reunión.

María Loureiro García
Alcaldesa do Concello de Viveiro

Exit mobile version