Site icon Crónica3.com A Mariña

O Goberno da Deputación apoia a Declaración da Semana Santa de Burela como Festa de Interese Turístico de Galicia

Lugo, 17 de abril de 2018. O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, recibiu no seu despacho de San Marcos ao Alcalde de Burela, Alfredo Llano García, acompañado da Presidenta da Comisión de Semana Santa de Burela, Oliva Cabanas. Nesta xuntanza Campos Conde ratificou o compromiso do Executivo Provincial para que esta celebración sexa declarada Festa de Interese Turístico de Galicia.

O Goberno da Deputación cederá unha sala de exposicións que acollerá unha mostra que repasará a historia da Semana Santa de Burela, ademais a Fundación TIC elaborará unha reportaxe sobre esta cita relixiosa tan arraigada neste Concello da Mariña Lucense. Hai que lembrar que a Semana Santa Burela conta cunha única cofraria a do “Santísimo Cristo e Maria Santísima das Dores”, que é a dinamizadora dunha Semana Santa que concilia os oficios no interior do templo coas procesións na rúa. Os estandartes de devocións son orixinarias de Perú, Portugal, etc. están presentes nas procesións, reflexo da presenza de inmigrantes.

O Venres Santo celébrase a escenificación da Paixón do Señor, e tamén os actos litúrxicos, arrincando co Vía Crucis do Venres de Dores. O sábado ten lugar na igrexa de Vila do Medio o pregón inaugural. O Domingo de Ramos a procesión arrinca desde a praza da Mariña, percorrendo os pasos da Borriquiña e Jesús e os 12 apóstolos.

O martes de Semana Santa sae á rúa a imaxe de Jesús atado á columna, e ao día seguinte comeza a procesión do Vía Crucis do Santo Cristo e a Virxe da Soidade. O Xoves Santo é a quenda dos pasos da Oración no Horto, San Andrés e San Juan Evanxelista, mentres o venres saen á rúa un gran número de imaxes na denominada procesión dos Caladiños. O sábado procesionan tamén a Virxe da Esperanza e San Juan.

Exit mobile version