Site icon Crónica3.com A Mariña

O Goberno garante aos lucenses 107 prazas de residencia e 31 en centro de día en Pedrafita, Ribadeo e Ribas de Sil

Lugo, 13 de abril de 2018. O Presidente, Darío Campos Conde, informou da aprobación na Xunta de Goberno Extraordinaria deste venres dos convenios de cooperación entre a Deputación e os Concellos de Pedrafita do Cebreiro, Ribadeo e Ribas de Sil para a prestación pública de servizos sociais nos centros da terceira idade destes municipios. Os convenios garanten aos lucenses o acceso universal ás 107 prazas de residencia e 31 de centro de día destas dotacións.

Para o cumprimento deste fin, a Deputación comprométese cun investimento de case 3,5 millóns de euros en catro anos. É o orzamento que tería que destinar para financiar o 100% das prazas a maiores da provincia con dificultades económicas durante dito período. Son 345.000 euros para o centro de Ribadeo, 288.000 para o de Pedrafita do Cebreiro e 248.000 euros para Ribas de Sil. Deste xeito, son un total de 881.000 euros ao ano para estes 3 centros que en 4 anos, suman os 3,5 millóns.

Os convenios garanten prazas para lucenses e o seu acceso universal ás mesmas, con independencia da distinta situación económica de cada un dos maiores da provincia. Deste xeito, establecen que as prazas sexan en primeiro lugar para veciños do municipio onde se sitúa o centro, logo para os da bisbarra ou comarca e seguidamente para lucenses en xeral. A Deputación achega ata 600 euros/mes por praza de residencia e 300 euros/mes/xornada completa por praza de centro de día.
De non seren suficientes estas cantidades, o organismo provincial tamén asume o déficit existente ao seren centros de Concellos de menos de 5.000 habitantes e, polo tanto, con menos recursos económicos.

Estes convenios garanten aos lucenses as seguintes vantaxes con respecto aos centros públicos da Xunta: 1) Os veciños terán praza no seu propio Concello ou nun limítrofe, non tendo que abandonar o seu entorno habitual. Moitos veciños están hoxe en residencias fóra do seu municipio e ata da nosa provincia. 2) Todos os maiores da provincia poderán acceder aos centros da Deputación e os Concellos con independencia da súa capacidade económica. Por exemplo, un maior cunha pensión non contributiva contará con toda a axuda pública necesaria para dispor dunha praza de residencia ou de centro de día no seu municipio. 3) Os veciños non terán que esperar tanto tempo pola súa praza, pois non entrarán nunha bolsa autonómica, agardando meses e meses.

As prazas recoñecidas oficialmente nestes centros son: Pedrafita do Cebreiro: 30 residencia e 20 centro de día; Ribadeo 48 de residencia e Ribas de Sil, 29 de residencia e 11 de centro de día. Isto fai un total de: 107 praza de residencia e 31 de centro de día.

Prestación pública do servizo
Os técnicos aclaran que a privatización supón a venda dun ben público, feito que non acontece cos centros de maiores; e expoñen que existen dous modelos de xestión pública: o directo, con contratos de servizos onde o control reside nas institucións; ou o indirecto, con contratos de concesión do servizo onde se perde dito control. Os convenios recollen que Deputación e Concellos asumen a prestación pública do servizo nas residencias e centros de día, empregando para elo todos os recursos dispoñibles (dende persoal a servizos de auga, saneamento, recollida de lixo, mantemento, limpeza…) e atendendo ás limitacións fixadas na lexislación orzamentaria e de emprego público. Tendo en conta ditos límites legais, fíxase acudir ao modelo de xestión pública directa e apuntase, textualmente, que en ningún caso se poderán celebrar contratos que supoñan a xestión indirecta, como o contrato de concesión de obras ou servizos.

Os convenios establecen medidas de control público como, por exemplo e entre outras: a creación dun equipo técnico especializado en servizos sociais, responsable da calidade, integridade e transparencia das prestacións, así como un grupo de mantemento especializado nos equipamentos residenciais; garantir a intervención e control público do acceso aos centros de atención a persoas maiores e das prestacións que se realicen, mediante instrumentos colexiados de selección paritarios nos que participe o Concello sede e a Deputación, cunha composición ao 50% por cada parte; ou a colaboración coa Universidades, centros de ensino e entidades sen ánimo de lucro para un axeitado desenvolvemento de prestacións sociais.

Demandas á Xunta
Os convenios recollen reclamar á Xunta de Galicia, administración galegas coas competencias directas na materia, o financiamento correspondente para o custe das prazas en cumprimento co artigo 64 bis da Lei de Servizos Sociais de Galicia, así como a concesión dos permisos de inicio de actividade.

Exit mobile version