Site icon Crónica3.com A Mariña

O luns abre o prazo de solicitude de praza para a Escola Infantil municipal de San Cibrao

Cervo, 13 de abril de 2018.- O Concello de Cervo abre o luns, 16 de abril, o prazo de presentación de solicitudes de renovación de praza e novo ingreso da Escola Infantil municipal, ubicada no edificio da Casa do Mar, en San Ciprián.

As familias interesadas teñen ata o 18 de maio para formalizar a inscrición no Rexistro Xeral do Concello en horario de oficina. Os impresos estarán tamén dipoñibles na propia Escola Infantil e na Casa da Cultura.

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, apuntou que a comezos de ano ampliáronse as instalacións coa construción dunha nova aula e “a día de hoxe, son 54 as prazas que poñemos a disposición dos usuarios, 15 máis que o curso pasado, polo que agardamos responder ao 100% ás necesidades das familias “contribuíndo a favorecer a conciliación”.

Villares lembrou que os traballos consistiron na construción dunha nova aula, con baño infantil integrado, de 30 m2, emprazada onde estaban os aseos; “coa que logramos incrementar a capacidade, pasando de 39 a 54 prazas”.

A obra de ampliación contou cun orzamento de 33.493 euros, todos eles procedentes de fondos municipais; e para facer esta actuación “reestruturamos toda a planta baixa da Casa do Mar, na que construímos dous novos aseos, un deles adaptado; para os que destinamos 13.475 euros”.

Exit mobile version