Site icon Crónica3.com A Mariña

O Pazo de San Marcos acolle este xoves unha conferencia de Juan de Dios Román, promovida polo Goberno da Deputación

Lugo, 23 de abril de 2018. O Pazo de San Marcos acollerá este xoves unha conferencia do ex seleccionador e adestrador de balonmán Juan de Dios Román, promovida polo Goberno da Deputación, así o avanzou o Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón. O coloquio, que terá lugar no salón de actos a partir das 19:30 horas con entrada totalmente de balde, leva por título O deporte como formación e valores e enmárcase nun ciclo de actividades en homenaxe a Juan de Dios Román, organizado pola Peña Atlética Lucense, en colaboración co CP Lucense e o Club Verxel Nutrición Deportiva.

Rivera Capón subliñou que “é un auténtico privilexio acoller na nosa provincia a unha personalidade da talla de Juan de Dios Román, un referente do mundo do deporte, e especificamente do balonmano nacional. Gustaríame convidar a todos os lucenses a que se acheguen a gozar dos seus coñecementos e experiencias, pois trátase dunha oportunidade única para escoitar a un medallista olímpico e europeo. O balonmán conta cunha forte tradición na provincia de Lugo e con este tipo de iniciativas queremos darlle un novo pulo para que volva ter a importancia de antano e, ao mesmo tempo, achegalo aos máis cativos da provincia”.

Os actos comezarán mañá coa charla A nutrición no deporte, a partir das 20:00 horas no Seminario de Lugo. Participarán Bernardino Lombao, Santiago Carro Valero, José María Fernández Santiago e José Carro Otero. O mércores, ás 19:30 horas, celebrarase o segundo coloquio O papel da prensa como transmisor de valores, no Gran Hotel de Lugo, coa participación de xornalistas deportivos. O xoves terá lugar o acto central coa conferencia de Juan de Dios Román no Pazo de San Marcos, ás 19:30 horas. Estará acompañado na mesa por Cecilio Alonso, Pablo Permuy e Bernardino Lombao. Finalmente, o venres ás 20:00 horas, o Vello Cárcere acollerá a derradeira conferencia A muller no deporte, na que participarán Cecilia Vázquez Suárez, Montse Miguez Tello, Karina Pasarín Mon, Arancha Mallou e Hilda Rodríguez.
5 medallas olímpicas e europeas
Juan de Dios Román (Mérida, 1942) é un dos adestradores máis laureados do mundo do balonmán. Durante a súa etapa como adestrador, conseguiu dúas medallas de prata nos Campionatos Europeos de España (1996) e Italia (1998); así como tres bronces no Europeo de Croacia (2000) e nos Xogos Olímpicos de Atlanta (1996) e Sydney (2000). A nivel de clubs, destaca a súa traxectoria no Atlético de Madrid, co que conquistou catro títulos de Copa do Rei. Tamén como adestrador do BM Ciudad Real logrou numerosos títulos, deixando unha gran pegada. A isto súmanse as medallas conquistadas polos diferentes combinados durante a súa etapa á fronte da Real Federación Española de Balonmán entre 2008 e 2013.

Exit mobile version