Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP acada o acordo plenario que obriga á Deputación a subvencionar ás residencias municipais e de xestión pública da provincia

Lugo 24, abril, 2018. O deputado popular, José Antonio García, asegurou esta mañá en Pleno que “non podemos estar máis dacordo” en relación á moción do Grupo Provincial do BNG que pedía para a residencia de maiores de Sarria as mesmas axudas que para o resto dos centros construídos pola Deputación. Deste xeito, os populares a través dunha emenda solicitaron que “este espírito se ampliase a todas as residencias públicas de titularidade municipal”. O engadido do PP contou co voto a favor do BNG e do deputado Manuel Martínez e acadouse, deste xeito, un acordo plenario que obriga á Deputación a implicarse coas residencias de titularidade municipal e de xestión pública, pese ao voto en contra do Grupo Socialista.

EMENDA DO GRUPO POPULAR
En concreto, a través da súa emenda os populares pediron que a Deputación de Lugo subvencione á Residencia de Maiores de Sarria e a todos os centros de titularidade municipal da provincia de Lugo de atención a persoas maiores (que non teñan acordos con outras administracións, que o soliciten á Deputación de Lugo), sempre e cando os Plenos dos concellos así o ratifiquen para salvagardar a autonomía local, ao mesmo tempo e exactamente coas mesmas contías que ao resto de residencias e centros de día construídos pola Deputación por convenios cos concellos (unha vez concretado pola Deputación de Lugo o regulamento, ordenanza de acceso e tarifas das residencias e centros de día construídos pola Deputación por convenios cos concellos).

Deste xeito, os populares celebraron o cambio de actitude do Grupo do BNG xa que José Antonio García lembrou que no ano 2012, dende o PP “pedimos a colaboración da Deputación coa residencia de Sarria, cando o BNG tiña responsabilidades de Goberno, e daquela tanto PSOE como BNG votaron en contra”, pero “está claro que una cousa é predicar e outra dar trigo”. Mentres, o popular criticou que o PSOE “non sexa sensible e non busque a mesma sensibilidade no trato en todas as residencias desta provincia. A ver que opinión lle merece esta situación á alcaldesa da localidade”.

En canto á xestión pública dos centros, o deputado do Grupo do PP precisou que hai Concellos que como única forma viable tiveron que optar por outras xestións, como a privada, polo que agora “é importante que se poidan unir, se o desexan, á opción que deberá asumir a Deputación de Lugo”.

NON SÓ UN BRINDIS AO SOL
José Antonio García agarda que o acordo logrado “non sexa un brindis ao sol, porque a nivel residencias construídas pola Deputación non está todo resolto. Existen dúas tramitacións e dous posicionamentos, o da Xunta de Goberno e o do Pleno e o Pleno refrenda a situación de Suplusa; existen tamén informes xurídicos contrapostos que moito nos tememos que rematarán por retrasar apertura de centros que en moitos casos deberán estar xa abertos. Esta si-tuación conlevará responsabilidades xurídicas e a ver a quen corresponden. O descarrilamento do PSOE levounos a isto, a esta situación. Residencias a que non lle falta nada, nin persoal, e esta é a situación na que estamos”.

ONDE ESTÁN OS SOCIALISTAS PARA A RESIDENCIA DE SARRIA?
José Antonio García reprochoulle aos socialistas que tiñan información moi raquítica e que non sabían nada da residencia de Sarria e lembroulle que o PSOE no Pleno local de Sarria votou en contra do acordo para integrar o centro da localidade na rede de residencias da Xunta de Galicia, pese a que a administración autonómica asumira este compromiso. “Botan a culpa ao resto sen ningún tipo de información. Votaron en contra da colaboración e non deron nin un só euro dende a Deputación e agora téñeno que dar porque perderon a maioría no Goberno”, reprochoulles o popular quen os invitou a preguntarse “onde están os socialistas e se pretenden tratar a residencia de Sarria como residencia de segunda, dígano claro e cáialles a cara de vergoña. Están facendo un despropósito máis: definir dous tipos de modelo das residencias públicas, a unhas anuncian axudas e a outras non, a unhas convenios e a outras non e parece ser que a de Sarria non é a súa residencia. Será moi difícil de explicar en Sarria”.

PENSIÓNS
En relación á moción do BNG sobre as pensións e debatida hoxe tamén en sesión plenaria, os populares presentaron unha emenda que foi rexeitada polos grupos da oposición e a través da que instaban ao Goberno a seguir traballando no estudo e implementación das medidas necesarias que permitan garantir non só a sustentabilidade e suficiencia do sistema público de pensións, senón tamén que estas sexan dignas e suficientes.

Tras o rexeitamento á emenda popular, o Grupo do PP votou en contra da moción do BNG por considerala “oportunista e extemporánea”. A deputada Mari Teijeiro lembrou aos nacionalistas e socialistas que mentres din que as pensións non poden subir “acábase de aprobar una proposta da subida das pensións. Con quen non podían subir era con Zapatero”. Ademais, dende o PP consideran que o Pleno provincial non é o lugar para tratar un tema “deste calado e considero que onde debe debaterse e no parlamento onde se está a facer e débese seguir na Comisión do Pacto de Toledo, creada froito do acordo de todos os partidos e no seo da que se trata o sistema público de pensións”. Así, Mari Teijeiro precisoulles que se “queren defender as pensións, deben votar a favor dos orzamentos, xa que mentres non se aproben, non sepode adoptar estas medidas”

Exit mobile version