Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP burelés asegura que Patricia Otero, que secundou a folga do día 8 de marzo, oculta datos sobre se cobrou do Concello o soldo dese día

BURELA, 16 de abril de 2018.- “De conducirse de xeito pouco estético na política municipal local tampouco se libra a concelleira Patricia Otero”, sinala o Grupo Municipal Popular (GMP) burelés, pois a edil, a día de hoxe, “aínda non se dignou a trasladarnos a memoria avaliación do Plano de Igualdade entre Mulleres e Homes 2015-2017 do Concello, e tampouco se dignou a presentarnos o seu escrito de renuncia á parte do seu soldo municipal correspondente ao día 8 de marzo nin a súa nómina do mes pasado”, afirman.
Desde o Grupo Municipal indican que “a Sra. Otero anunciou publicamente que secundaría a folga do Día da Muller. Naquel momento, manifestamos, e así o cremos, que era moi libre de facelo, pero que se o facía tiña a obriga moral e a decencia de renunciar á parte correspondente do seu soldo municipal, xa que cobra 14.000’00€/ano por unha presenza física diaria no consistorio de catro horas”.
Os populares afirman que, o pasado día 29 de marzo, presentaron a través do rexistro electrónico do Concello un escrito solicitando copia da hipotética renuncia de Otero ao seu soldo do pasado 8 de marzo, incluíndo a petición de copia da nómina do mes de marzo, agás aqueles apartados suxeitos á Lei de Protección de Datos, para verificar a contía percibida pola concelleira dos fondos municipais e comprobar se se lle tiña detraída ou non a contía correspondente ao día 8. “Pois ben, a día de hoxe, non temos recibido ningún tipo de resposta, o que nos parece especialmente grave dado que estamos a falar dos cartos de todos os cidadáns. Que esta señora secundase a folga parécenos lexítimo, pero tamén consideramos que debería ter renunciado a cobrar a parte correspondente do seu salario, e nos dá igual que sexan 5€ ou 100€: non se trata de cánto, senón de cómo”, precisan.
Memoria Plan Igualdade 2015-2017
Dende o PP aseguran que “o mesmo día 29 de marzo reiteramos a nosa petición de 5 do mesmo mes da memoria avaliación do Plan de Igualdade entre Mulleres e Homes 2015-2017. Tampouco se nos tén contestado”. Diante esta situación, supoñen que “a Sra. Otero estará moi ocupada nos seus quefaceres diarios e por iso non ten tempo para elaborar a indicada memoria, e moito menos, por suposto, para enviárnola. Pero claro, se atende a unhas cousas, non pode atender a outras, aínda que o que menos importante sexa que cobre dos cartos de todos os contribuíntes bureleses. Para a Sra. Otero, esto debe ser o de menos”, destacan.
A este respecto, consideran que a edil debería aclarar todas estas cuestións e non escudarse no silencio, “mal enimigo para este tipo de situación”, indican. E todo isto, engaden, “coa conformidade do alcalde, que mira para outro lado antes de dicirlles nada aos seus concelleiros, para non rachar os xa de por si discutidos equilibrios dentro do goberno socialista. O descaro, a arrogancia e a prepotencia, xunto coa vagancia, son as normas de conduta do alcalde e dos concelleiros socialistas”, conclúen os edís populares.

Exit mobile version