Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP critica ao Alcalde de Ribadeo porque é un dos poucos Concellos galegos que non asinou o convenio coa Xunta para a posta en marcha das brigadas forestais municipais

Ribadeo, 25 de abril de 2018. “Dime de que presumes e direiche do que careces”; ese é o refrán que, segundo os populares de Ribadeo, debería aplicárselle ao alcalde, Fernando Suárez Barcia, polo seu dobre rasero á hora de esixir que se respecte a normativa sobre limpeza dos montes como medida de prevención de incendios. En opinión do Partido Popular, o alcalde é moi esixente contra os veciños pero incumpridor desde o goberno municipal.
O presidente e portavoz do PP, Jesús López Penabad, critica que “Ribadeo é un dos poucos concellos galegos que non asinou o convenio coa Xunta de Galicia para a posta en marcha das brigadas forestais municipais, precisamente un servizo que ten entre as súas funcións principais, ademais da primeira intervención na extinción dos lumes que se poidan producir, un cometido non menos importante, o da limpeza dos montes e faixas de xestión da biomasa en terreos forestais de titularidade municipal ou con propietario descoñecido”.
Jesús López Penabad engade que “a negativa de Suárez Barcia a participar neste convenio de colaboración, que si asinaron outros concellos gobernados por alcaldes de todas as cores políticas, supón un claro exemplo de falta de compromiso do goberno local coa prevención de incendios e, sobre todo, evidencia que os movementos do alcalde, remitindo cartas a todos os propietarios, é unha manobra de autopropaganda cara a galería pero que non trae aparellada un compromiso real e propio desde o Concello no que respecta ás súas competencias”.
O voceiro dos populares ribadense explica que “cada ano os concellos galegos, por suposto tamén o de Ribadeo, reciben unha carta da Consellería do Medio Rural na que se lles convida a sumarse a este convenio autonómico para a participación na prevención e defensa de incendios, que ofrece colaboración en tres ámbitos complementarios: a Xunta apoia a creación das brigadas forestais municipais (contratación do persoal e medios), financia os gastos polo uso da motobomba e contempla o financiamento de tratamentos preventivos (roza en vías e camiños). O alcalde só se adheriu a estas dous últimas liñas, renunciando á constituír unha brigada municipal. No caso particular de Ribadeo a Xunta remitiu a carta en xaneiro e tiña ata o 10 de febreiro para acollerse ao convenio e, de ser o seu interese, engadir a creación das brigadas municipais, pero a administración autonómica recibiu a calada por resposta e, en consecuencia, en 2018, unha vez máis, non será posible contar con esta brigada”.
O PP destaca que “as brigadas municipais desenvolven un labor fundamental xa que, na maior parte do tempo durante os tres meses de maior risco de incendios, realizan traballos preventivos como a posta en marcha de roza manual, rareo e eliminación de restos, co obxectivo de levar a cabo labores de prevención. Tamén fan labores de vixilancia e extinción”.

Exit mobile version