Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE de Barreiros denuncia que a mala xestión económica de Fuente Parga provoca a perda de 61.000 euros en investimentos para os veciños

Barreiros, 29 de xaneiro de 2018.- O PSOE de Barreiros denuncia que a mala xestión económica do Alcalde do PP Fuente Parga provoca a perda de 61.000 euros para a execución de novos investimentos para os veciños. Así o informou a Voceira do Grupo Municipal Socialista, María Carmen Veiga, que explicou que “o Alcalde vén asinar un decreto co que se reducen un total de 61.000 euros en novas inversións municipais para poder cumprir co teito de gasto que o PP dende o Goberno Central estipulou, e que, xunto coa pésima xestión de Fuente Parga, produce que os veciños e veciñas de barreiros se queden sen máis investimentos e que o Concello teña que estar tutelado por outras administracións”.

“O xeito de facer política do Partido Popular de Fuente Parga prexudica directamente aos veciños e veciñas que, a pesares de pagar os seus impostos, non poderán desfrutar de melloras no municipio executadas con fondos municipais. Pero si verán obras e proxectos que traemos os Socialistas ao Concello, tal e como sucedeu en 2017, no que o Goberno da Deputación investiu case 200.000 euro en obras como o abastecemento con etapa da Barranca, o alumeado público en O Couto, Seoane e Saíñas, a mellora de accesos da Igrexa de Reinante á Casa Panta ou o acondicionamento dun treito da LU-P-6103 de Trabada por Fórnea a Barreiros”, destacou.

María Carmen Veiga Barreiros adiantou tamén que o voto do Grupo Municipal Socialista no novo plan económico e financeiro que o Alcalde levará o vindeiro pleno “contará co voto en contra dos socialistas, porque estamos en contra da Lei de racionalización do sector público, así como do teito de gasto estipulado para os municipios, porque prexudican directamente aos cidadáns”.

“Os barreirenses merécense un Alcalde que se preocupe por renovar saneamentos, rehabilitar pistas, dotar ao municipio de depuradoras ou acondicionar as praias e non un Alcalde que recorta e xestiona mal. O Partido Popular leva á fronte do goberno municipal décadas e a súa maneira de facer política provocou o estado de total abandono do noso municipio e falta de servizos e oportunidades económicas”, apuntou.

Exit mobile version