Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE de Foz levará unha iniciativa a pleno solicitando a contratación de auxiliares de policía municipal

Foz 19-04-2018. A proximidade da temporada estival coa chegada de visitantes e turistas a Foz, fai necesario recordar que, a temporada pasada, a Policía Municipal tivo que asumir un exceso de traballo debido ao considerable aumento da cifra de visitantes, ao crecemento da temporada estival e a diversos problemas de seguridade cidadá. A isto hai que engadir as obras que se van a executar e sufrir durante todo o verán, facendo necesaria a creación de varios postos de traballo nese eido.
Dende o PSOE recórdase que dentro do Plan único da Deputación do 2017 recollíase o programa Depuemprego destinado á contratación de persoal para a execución de obras e servizos de competencia municipal, sendo destinada, polo concello de Foz, unha partida de 48.485 euros que a día de hoxe están sen executar.
Dende o PSOE de Foz temos que criticar a pasividade do Alcalde, é inmoral dispoñer de preto de cincuenta mil euros para a creación de postos de traballo e deixar pasar un ano sen dispor deles habendo tantas persoas no concello en situación de desemprego. Uns cartos que poden servir para crear catro postos de traballo a xornada completa durante seis meses, ou oito durante tres. Incluso mais si se reparte en medias xornadas. Auxiliares de policía, persoal de limpeza, axuda a domicilio, socorristas, ou outros servizos necesarios un ano despois da concesión do Plan Único da Deputación, incomprensiblemente seguen sen ser contratados.
O PSOE vai propoñer ao pleno que se invistan eses cartos en contratar auxiliares de policía, xa que considera que é necesario reforzar a plantilla actual de cara a temporada estival e que, non se produzan situacións de exceso de traballo, como sucedeu o ano pasado, nun servizo básico para regular o tráfico, solventar os problemas que poidan xurdir no verán, cunha das arterias principais do pobo peonilizada e con obras na outra. O grupo socialista esixirá que execute o orzado Depuemprega do 2017 e, no seu caso, o do 2018 para contratar, este persoal e outros como socorristas, ou persoal de limpeza. Motivos sobran.

Exit mobile version