Site icon Crónica3.com A Mariña

Observadores científicos inician unha nova campaña a bordo dos palangreiros de superficie (espadeiros) da OPP Lugo

Burela 19-4-18. O xoves 19 de abril iniciouse a campaña 2018 de observadores científicos na flota de palangre de superficie pertencente á Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo (OPP-07). Esta flota está composta por 14 embarcacións, das que 13 realizan as súas campañas no Atlántico Norte e 1 no Atlántico Sur. Na mañá do xoves embarcou en Burela unha científica a bordo do buque “Martínez Quelle” e outro experto farao o vindeiro luns no porto caboverdiano de Mindelo a bordo do “Siempre Nuevo Ángel”.
A previsión de duración da marea iniciada hoxe polo “Martínez Quelle” é duns 60 días de pesca, que se completarán co “Siempre Nuevo Angel” en augas do Cabo Verde e Mauritania, e outras embarcacións no Atlántico Norte durante os meses de xullo e agosto.
Esta é a segunda campaña de observación científica como resposta á exigencia das ORPs (Organizacións Rexionais de Pesca), que pide unha cobertura mínima do 5% do esforzo pesqueiro de cada organización e para o que a flota da OPP Lugo deberá cubrir un mínimo de 178 días de pesca efectiva.
Durante a campaña do ano 2017 os buques de OPP Lugo realizaron un total de 223 días efectivos de pesca, para os que foron necesarios 252 días totais de mar, superando ampliamente os días mínimos necesarios. Este cupo de días realizouse en 6 buques, con embarques desde Burela ou Mindelo (Cabo Verde) e un coste total de máis de 42.000 euros.
Os principais datos de recollida consistirán en: actividade diaria de pesca, con zonas de pesca, datos de virada e largada, número de lances e tonelaxes. Outros datos a recoller serán parámetros ambientais, de depredadores e anzois efectivos, datos biolóxicos de tallas, peso vivo, sexo, destino capturas, fecundidade en femias de tiburóns; así como outros avistamentos de cetáceos, aves e tartarugas.
Outra novidade deste ano 2018 é que a partir do 1 de marzo tódalas capturas de marraxo dientuso están baixo a recomendación de ICCAT e para as que SEGEPESCA ten diferenciado entre buques con observador (non existe limitación de capturas, sempre e cando chegue morto ao costado do buque, e o científico deberá recopilar datos de número de exemplares, lonxitude, sexo, condición, madurez e peso) ou buques sen observador (en cuxo caso tamén existe a condición de que cheguen mortos ao buque, pero cun umbral máximo de capturas por marea, que se corresponde cos quilos de marraxo respecto ao total de quilos capturados de tódalas especies).
A OPP Lugo mantén o contrato coa empresa portuguesa Promarinha, entidade certificada e habilitada polas autoridades portuxesas e españolas, e cunha amplia experiencia en campañas internacionais (NAFO, NEAFC, ICCAT…).

Exit mobile version