Na misiva enviada a finais de marzo a Sanidade, Campos Conde explica que “nestes momentos hai habilitadas tres prazas de médico na Pontenova, unha delas está ocupada polo noso prezado doutor Ramón Castro, que nestes intres desfruta dunhas merecidas vacacións, tralas que se xubilará o vindeiro día 12 de abril. Por ese motivo, póñome en contacto con esta Xerencia, co fin de coñecer cando ten previsto a Consellería de Sanidade cubrir esta praza que queda vacante na Pontenova. O noso Concello, como a maior parte dos Concellos da provincia de Lugo, ten unha poboación moi envellecida, e precisa de xeito urxente a cobertura desta praza de médico no Centro de Saúde para atender as necesidades da poboación”.
Campos Conde relata na carta que “como máximo representante da Pontenova, quero transmitirlle a fonda preocupación que existe entre os nosos veciños con este asunto e lémbrolle que non permitiremos que os recortes executados pola Consellería de Sanidade afecten á saúde das persoas, mermando a calidade asistencial dos habitantes do noso Concello. Non imos permitir que se maltrate deste xeito ao rural galego, e en particular ao noso Concello, recortando un servizo esencial para as persoas, como é a sanidade”.
Aprobación do orzamento que se incremente en 436.062 euros
Nesta mesma sesión plenaria tamén se aprobou o orzamento da Pontenova que ascende a 2.545.052 euros, o que supón un incremento de 436.062 con respecto ás contas do ano pasado. Campos Conde remarcou que “o orzamento do Concello da Pontenova non tivo ningún voto en contra por parte dos grupos da oposición, o PP votou favorablemente o BNG abstívose”.