Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas esíxenlle á Xunta que asuma responsabilidades pola “neglixente xestión” do servizo de salvamento marítimo

Santiago de Compostela, 13 de abril de 18. A portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Loli Toja, lamentou hoxe o veto do PP a reclamarlle á Xunta que asuma responsabilidades pola “neglixente xestión” do servizo de Salvamento Marítimo. Así o dixo na Comisión de Pesca, que aprobou parcialmente unha proposición non de Lei do Grupo Socialista para reclamarlle á empresa concesionaria do servizo de salvamento marítimo que renove os helicópteros.

Toja presentou esta iniciativa logo de constatar a “xestión chapuceira e temeraria” da Consellería do Mar con relación a este servizo, “poñendo en risco a seguridade dos traballadores do mar”. Lembrou que os dous helicópteros Pesca 1 e Pesca 2, que foran adquiridos en 2005 polo goberno do PP por 27 millóns de euros, foron vendidos en 2012 por 13 millóns de euros argumentando que estaban obsoletos.

A realidade é que a empresa concesionaria está a prestar hoxe o mesmo servizo que antes asumía a Xunta con exactamente as dúas mesmas aeronaves vendidas pola Xunta por obsoletas. A diferenza, dixo, é que ademais de telas malvendido pola metade do que custaran na súa orixe, agora o goberno galego está pagando 8,5 millóns de euros anuais polo seu mantemento, cando antes pagaba 7,5.

Explicou que “é como se compramos un coche, o vendemos pola metade do que nos costou porque non se adapta á estrada pola que circulamos e, como necesitamos o servizo, pagamos a unha persoa para que nos leve no mesmo coque que vendéramos ao principio”.

A parlamentaria socialista censurou unha operación “neglixente, económica e técnicamente” e que ademais “cheira a negociete” e “dalle a razón ao Consello de Contas” cando cuestionaba o proceso de venda das aeronaves a través dun trámite excepcional sen seguir os procedementos legais.

Toja aceptou votar a iniciativa debatida hoxe separando os seus distintos puntos do que á súa vez era unha “autoemenda” presentada polos socialistas para actualizar a iniciativa. O PP apoiou pedirlle á empresa renovar as dúas aeronaves e reclamarlle que cumpra coas condicións técnicas necesarias, pero vetaron o terceiro apartado, no que lle reclamaba que “asuma responsabilidades pola neglixente xestión de recursos públicos”.

Exit mobile version