O alcalde de Burela declarou que “hoxe recibín dúas noticias que me pareceron extraordinariamente agradables porque a verdade que sempre son benvidas. Levamos desde o Concello xa hai tempo solicitando que se eliminara o punto limpo que había no Berbés, onde está a zona xeolóxica que tan estimada é para Burela e onde hai esas rutas xeolóxicas que pasan por alí”.
Alfredo Llano lembrou que “había un punto limpo que tiña alí Portos e tiñamos solicitada a súa eliminación, e agora mesmo xa está liberado. Desta maneira pódese apreciar perfectamente a parede da zona xeolóxica e, sobre todo, non hai ese impedimento visual, esa contaminación que había derivada do lixo que había alí”.
O rexedor seguiu a relatar que “a outra boa noticia é que se están colocando os reforzos para evitar que o barco museo dea golpes contra a parede de peirao en días de temporal. Agora puxéronse uns reforzos de caucho grandes que van responder perfectamente ás dimensións do barco museo”.
O alcalde burelés quixo “resaltar que a relación institucional e o compromiso que Portos adquiriu no seu momento, culminouno hoxe, o cal ven a significar que a corresponsabilidade institucional é boa, que é o que me gusta a min, que as institucións teñamos unha boa relación para un fin único que é mellorar todo o que se poida de forma integral”.
Alfredo Llano dixo que “tamén xa hai un proxecto, que está case rematado, para darlle outra forma á zona que está situada detrás da Capitanía, que é de Portos. Alí hai unha serie de naves que estaban sendo alugadas. Hai unha praza que queremos desde o Concello tratar de recuperala, adaptala e preparala para que sexa un espazo público atractivo, e ao mesmo tempo que se implante algún tipo de negocio derivado da pesca, da artesanía ou incluso das conservas. Queremos potenciar aquela zona desa maneira, para que sexa un atractivo para Burela. É unha das cousas que teño falado co presidente de Portos, co señor Durán, e están tamén no convencemento de que podía ser unha boa idea para Burela. Polo tanto é o que nos queda agora para traballar, a ver se damos culminado isto antes de que remate a lexislatura”.