Viveiro 13-4-18. Hai determinados asuntos que poden considerarse prioritarios para Viveiro, nos que o Concello leva tempo traballando e sobre os que entendo que é importante informar aos veciños.
Nestes momentos o Plan Xeral de Ordenación Municipal está á espera do informe que debe emitir Augas de Galicia, paralizando a súa tramitación. O concello remitiu a esa administración a nova documentación solicitando a súa viabilidade hai xa dous anos; dende ese momento, tras numerosas chamadas a ese organismo, a pesar das conversas que mantiven co director de Augas de Galicia e das promesas realizadas, o informe aínda non foi remitido. Igual que acontecera co informe de Patrimonio, a tramitación do PXOM de Viveiro vese afectada pola demora da Xunta de Galicia, sendo os veciños e veciñas deste concello os que sufren as consecuencias da falta deste planeamento.
En 2010 a Unión Europea esixiu o saneamento da ría de Viveiro e a Xunta de Galicia anunciou que esta actuación estaría executada en 2015, cunha inversión de 5 millóns de euros. En 2016, un ano despois da data prometida, a Xunta indicou que esta obra estaría rematada en 2019, rebaixando a inversión a 3 millóns de euros e resultando, novamente, un prazo que dificilmente se vai cumprir. Nesta actuación hai varias administracións implicadas e nas últimas semanas sucedéronse cruces de acusacións sobre o causa da súa demora. En días pasados expliquei pormenorizadamente os pasos levados a cabo polo concello, facendo referencia ao escrito remitido o 16 de marzo de 2018 a Augas de Galicia relatando todos os antecedentes e solicitando que se nos indicara dunha forma clara e concisa os trámites que este concello ten que realizar para continuar a tramitación da autorización de vertidos da EDAR de Viveiro, que este concello empezou a tramitar en 2014. A pasada semana, precisamente, este concello púxose en contacto tanto con Augas de Galicia como con Costas para tratar este asunto, acordando os trámites a realizar para continuar avanzando na tramitación deste expediente, primordial para o concello de Viveiro; agardamos que estas conversas supoñan un punto de inflexión na tramitación e que, consecuentemente, o saneamento da ría de Viveiro, tan necesario, poida executarse á maior brevidade posible.
Os galpóns do porto de Viveiro é outro dos asuntos no que levamos tempo traballando. As numerosas chamadas e reunións co Director de Portos de Galicia, transmitindo a necesidade de axilizar a reversión dos galpóns por cuestións funcionais, estéticas e de seguridade, deron os seus froitos hai uns meses cando, por fin, se firmou a reversión desa concesión. A día de hoxe, segundo temos constancia, os concesionarios xa cobraron o importe correspondente e estamos á espera de que Portos proceda á demolición dos galpóns, descoñecendo a día de hoxe as datas previstas para estas actuacións, a pesar de ter remitido unha carta ao propio Director de Portos solicitándolle información sobre a súa previsión, entre outras cuestións, co fin de poder planificar a disponibilidade dese espazo e a existencia de aparcamentos de cara a futuros eventos ou actividades que vaian ter lugar neste concello nos próximos meses; a resposta que obtivo o concello ao respecto é totalmente imprecisa, indicando que non é posible facer unha previsión en canto ás datas de execución.
Finalmente, entre os asuntos importantes para este concello, quero facer referencia á Vía de Alta Capacidade, tan de actualidade nas últimas semanas, despois de que a Xunta de Galicia anunciara a súa intención de construír unha ponte para cruzar a ría. Sobre esta actuación cómpre lembrar que xa había un proxecto que contaba co consenso de todas as partes implicadas. En 2010, a Xunta de Galicia remitiu ao concello unha modificación dese trazado; este cambio supuxo o inicio dunha serie de mobilizacións en defensa dos intereses do concello. En días pasados, un ano despois de que a Xunta anunciara a súa intención de reunirse con este concello para lograr un trazado de consenso, fomos convocados pola Xunta de Galicia a unha reunión na que se nos explicou esta nova proposta. O Concello de Viveiro é o principal interesado en que contar cunha Vía de Alta Capacidade, pero a día de hoxe non conta coa información necesaria para poder valorar esta nova proposta; en todo caso, entedemos que a vía de alta capacidade é imprescindible para Viveiro e que a conexión do noso concello co resto do territorio é unha necesidade que non se pode demorar máis no tempo.
Considero que é importante que os veciños coñezan esta información, que saiban en qué punto se atopan estes asuntos. En moitas ocasións, dende o equipo de goberno, permanecemos calados, sen facer declaracións á prensa sobre un ou outro asunto, pero nós continuamos traballando. Cremos que o importante é priorizar, buscar solucións, dialogar e interpoñer os intereses dos veciños por riba de todo. Está é a nosa forma de traballar e, nalgunhas ocasións, preferimos calar ante determinadas formas de proceder doutras administracións para non interferir ou perxudicar na tramitación de determinados expedientes. Os feitos están aí e cómpre valorar se determinadas cuestións, atrancos ou demoras se deben simplemente á complexidade da tramitación administrativa ou a outro tipo de cuestións políticas. Que os veciños xulguen.
A alcaldesa,
María Loureiro García