Site icon Crónica3.com A Mariña

Villares: “As Deputacións provinciais, que aglutinan a todas as entidades locais, deberían ser os organismos encargados de xestionar e coordinar un servizo de recollida de animais abandonados”

Cervo, 21 de abril de 2018.- O alcalde de Cervo e Vicepresidente da Fegamp, Alfonso Villares, participou nunha xornada de estudo sobre a nova Lei de Protección e Benestar de compañía de Galicia que tivo lugar no salón de actos da Facultade de Dereito da Universidade da Coruña.

Os presentes reflexionaron desde unha perspectiva interdisciplinar sobre o contido e alcance da norma que entrou en vigor a comezos deste ano e que lle outorga aos Concellos novas responsabilidades nesta materia.

Villares apuntou que se trata dunha lei actualizada, integradora e moi necesaria, que vai en consonancia coa evolución da sensibilidade social; e que, a través de medidas disuasorias como o endurecemento das sancións, ou facilitando a adopción de animais en centros de recollida e a súa acollida temporal, entre outras medidas, tenta salvagardar os dereitos dos animais e poñer coto a unha realidade que persiste a día de hoxe: o abandono e o maltrato animal.

Na súa intervención, o rexedor tamén fixo fincapé en que a maioría do Concellos carecen de medios técnicos e económicos para facer fronte de xeito individualizado ás novas competencias que lles atribúe a Lei, pasando a ser os responsables de recoller aos animais domésticos vagabundos ou extraviados que deambulen polo termo municipal; e deberán esterilizalos se é preciso, e darlles acubillo nos centros de recollida autorizados ata que sexan retirados polos seus propietarios, acollidos temporalmente ou adoptados.

A necesidade da Lei é incuestionable, -engadiu- “agora trátase de buscar, pois, a fórmula para poder aplicala con solvencia e baixo criterios de eficiencia”.

Para Villares teñen que ser as Deputacións Provinciais, que aglutinan a todas as entidades locais, os organismos que se encarguen de xestionar e coordinar con fondos propios un servizo de recollida de animais abandonados.

O alcalde de Cervo, xa plantexara esta cuestión á Deputación de Lugo por medio dun escrito en novembro de 2015. “Se xa daquela era unha cuestión evidente; a día de hoxe penso que é unha responsabilidade case ineludible”, sentenciou.

O Vicepresidente da Fegamp recordou, así mesmo, que outra das problemáticas coa que nos atopamos os Concello é a falta de inclusión dos animais no Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía que facilitaría que un animal extraviado puidese ser devolto ao seu dono que sería o encargado dos custos derivados do rescate e esterilización.

Exit mobile version