CENTRALIZACIÓN E PERDA DE SERVIZOS.
A dependencia orgánica do Hospital de Lugo dos centros da Mariña implica a centralización dos servizos hospitalarios na capital da provincia e a conseguinte perda de servizos e especialidades en Burela, así como desprazamentos constantes da poboación da Mariña, nalgúns casos a máis de hora e media de viaxe, a Lugo para realizar probas e consultas que até agora realizaban nas súas comarcas.
UNHA REFORMA SANITARIA PARA BENEFICIAR Á MEDICINA PRIVADA.
Os grandes beneficiados da reforma sanitaria impulsada polo PP son os hospitais privados da cidade de Lugo. A conta de resultados dalgúns destes centros, como o Polusa ou a Nosa Señora dos Ollos Grandes, que curiosamente acometeu recentemente unha importante reforma das instalacións, non paran de medrar a medida que se reduce a carteira de servizos do hospital de Burela.
A veciñanza manifestou o seu malestar polo aumento de derivacións ao centro médico privado de Lugo, Polusa, para probas e intervencións cirúrxicas que antes se facían no Hospital da Costa, ou mesmo para facer unha simple “placa dental” (unha sinxela radiografía) para o que é necesario tamén desprazarse a Lugo.
CONCENTRACIÓNS PARA PEDIR A DERROGACIÓN DA LEI DE SAÚDE.
“No PP gañaron pero saben que perderon porque non teñen o apoio veciñal ao votar no pleno municipal a favor da supresión da nosa área sanitaria”. E cada día van ter enfronte a máis veciñanza defendendo a sanidade pública, universal, gratuíta, de calidade e de proximidade polo que a aprobación da reforma sanitaria non vai ser o punto e final, senón un punto e seguido na loita en defensa da sanidade pública da comarca”, asegura a veciñanza.
Veciños e veciñas criticaron que o PP de Viveiro teña apoiado esta reforma negándose a garantir os servizos sanitarios, tal e como solicitaban as veciñas e veciños porque están, din, “obsesionados con recortalos e facer negocio ”. Advertiron que esta reforma sanitaria diminúe os servizos sanitarios e vulnera o dereito á igualdade na atención sanitaria.
Lembraron que o PP “sempre se opuxo a defender a sanidade pública”, tanto no debate da Lei Xeral da Sanidade de 1986 como na transferencia da sanidade a Galicia en 1989 ou na Lei de Saúde de 2008 e, agora, reformando a Lei galega.
Deixáronlle claro ao PP que “non conten nunca con desmantelar a sanidade e que o pobo de Viveiro quede calado” porque, dixeron, “non se pode facer política pensando en facer negocio coa nosa saúde senón en garantir dereitos”.
Acordan por votación a man alzada manter as protestas e concentrarse cada mes diante do Concello de Viveiro coincidindo cos plenos municipais, e consideran necesario desaloxar ao PP do goberno da Xunta e dos Concellos para deter esta demolición planificada dos servizos públicos.