Site icon Crónica3.com A Mariña

Xaime Miranda abre este luns 23 as xornadas de arte da Mariña

Foz 21-4-18. O luns de Abril ás 20.30 no CENIMA de Foz, a asociación cultural A Pomba do Arco arranca a sexta edición da súas Xornadas “Sentirmos a Arte”, no marco do Mes das Artes Plásticas da Mariña, que comezará coa intervención do cineasta Xaime Miranda Méndez.

Xaime Miranda Méndez, natural de Cervo, onde a día de hoxe desenvolve a súa actividade profesional, licenciado en ciencias da información pola Universidade de Santiago de Compostela e master en realización cinematográfica pola Escola Superior de Cinema de Catalunya, é autor dunha ampla obra cinematográfica, onde se sinalan os seus traballos no campo dos vídeos musicais. A súa obra mereceu diversos recoñecementos da crítica e do público, acadando entre eles o premio do público do Festival de Cans en 2015 polo seu videoclip Floating de Mequetrefes ou o premio do xurado do mesmo festival en 2017 coa súa produción Oh Ayatollah- Mi Re La.

O relatorio de Xaime Miranda Méndez titulado “Os videoclip no tempo dos video clips” servirá para dar un repaso e divulgar a obra do cineasta mariñán, referíndose por unha banda a algunhas das creacións ou montaxes que mereceron un maior recoñecemento e por outra banda a determinados proxectos nos que está traballando actualmente.Algúns dos grupos para os que ten traballado no ámbito dos vídeos musicais son The Brosas, Oh Ayatollah, Mequetrefes, Agoraphofia, Basanta ou Golpe Radikal. Ao tempo a súa filmografía tense achegado tamén ao xénero documental, sendo autor en 2010 da obra Galiza Bravú, ou as curtamentraxes, onde se sinala como director do filme A Noite dos Dentes, premio cinema Fetus do Festival FKM d´A Coruña en 2017.

As xornadas Sentirmos a Ate terán continuidade o martes 24 de abril ás 20.30 no CENIMA de Foz cun relatorio a cargo da decana da Facultade de Belas Artes de Pontevedra Silvia García baixo o título de “Arte, artesanía e deseño”.

Exit mobile version