Site icon Crónica3.com A Mariña

Xaime Miranda, Silvia García, Soledad Penalta, Xiao Berlai e Ernesto González Torterolo participan das Xornadas da Pomba do Arco

Foz 19-4-18. A asociación cultural A Pomba do Arco vai organizar a sexta edición da súas Xornadas “Sentirmos a Arte”, no marco do Mes das Artes Plásticas da Mariña, na que se recolle una chea de actividades dos artistas plásticos mariñáns, e na que se pode visitar no Cenima de Foz unha exposición de diversos artistas plásticos da comarca como Juanel Ponte, Otero Regal, Celso Dourado, Mundo Rubal, Mauro Leivas ou Renata Otero. A asociación focega realiza unha serie de mesas de debate na que se abordará, como tema principal, o estado actual da arte e que se desenvolveran entre os días 23 e 26 de Abril ás 20.30 horas no salón de actos do Cenima de Foz.
Primeira charla: Os vídeo clips no tempo dos vídeo clips.

O luns 23 de abril ás 20.30 comezará esta actividade coa intervención de Xaime Miranda Méndez, natural do concello de Cervo, licenciado en xornalismo e ciencias da información pola USC e cineasta, cuxa actividade está centrada actualmente na dirección de vídeo clips, xénero que está a acadar un grande desenvolvemento en Galiza. A súa obra xa foi premiada nalgúns dos máis importantes festivais de cinema do país, entre eles o Festival de Cans de 2015, co seu videoclip Floating de Mequetrefe, rodado entre Ferreira e Alfoz. Xaime Miranda presentará na palestra parte da súa obra xa coñecida así como algunha das novidades nas que actualmente está traballando.

Segunda charla: Arte, artesanía e deseño..
O martes 24 de abril ás 20.30, terá lugar no Cenima a segunda das charlas debate. Nesta ocasión contaremos con Silvia García, doutora en Belas Artes, profesora titular da Facultade de Belas Artes de Pontevedra e decana do centro universitario. A profesora García desenvolve as súas liñas de investigación no ámbito dos estereotipos sobre o rural na creación artística e do papel da muller como creadora. A súa palestra en Foz centrarase nas relacións entre a arte e artesanía e o deseño gráfico, aspecto no que ven traballando no ámbito teórico e práctico. Neste sentido, hai que lebrar, que como decana da facultade de Pontevedra está a traballar na implantación do grao de deseño na mesma, titulación que botará andar no curso 2019/2010.

Terceira charla: A fotografía como xogo creativo.
O mércores 25 de abril ás 20:30 terá lugar no Cenima a terceira das charlas debate. Nesta charla contaremos coa presenza da escultora Soledad Penalta, creadora galega cunha longa obra, comezada na década dos setenta con traballos en cerámica e que foi evoluindo até os traballos actuais, caracterizados por obras de grande formato en ferro e aceiro. A obra de Penalta mereceu o recoñecemento no ámbito nacional e internacional, atopándose repartida a mesma ao longo do planeta, tanto en espazos públicos, coleccións particulares e institucións e museos. A palestra irá acompaña dunha proxección e explicación dalgunhas das súas pezas, onde están presente os elementos procedentes da natureza e da cotideanidade.

Cuarta charla: O noso audiovisual.

O xoves 26 ás 20:30 terá lugar no Cenima a cuarta das charlas debate. Nesta ocasión os creadores convidado serán o debuxante Ernesto González Torterolo e o musico e poeta Xiao Berlai que presentaran o seu proxecto “Desconhecido”, unha montaxe que combina a musica, poesía e banda deseñada e que xa foi dado a coñecer en diferentes escenarios de Galiza. O autor das composicións musicais desta obra é o recoñcido musico Xiao Berlai e o autor da parte gráfica é o mindoniense Ernesto González Torterolo, cuxa obra é coñecida polo público d´A Mariña. A xornada, que servira de feche, permite visualizar a relación entre a arte e outras disciplinas creadoras.

A Pomba do Arco quere convidar a toda aquelas persoas interesadas pola arte mariñán a participar nesta interesante actividade que como xa dixemos terá lugar entre os días 23 e o 26 de abril ás 20.30 no Cenima de Foz.

Exit mobile version