Site icon Crónica3.com A Mariña

A CIG ofrecerá este venres conferencias en Viveiro e Barreiros sobre o sistema público de pensións e a súa viabilidade

A Mariña, a 30 de maio de 2018. A CIG ten organizadas dúas conferencias o vindeiro venres, 1 de xuño, para informar sobre o sistema público de pensións, a súa viabilidade e as consecuencias das reformas aprobadas en 2011 e 2013. A charla estará a cargo de Luis Burgos, economista, membro do Gabinete Técnico da CIG e representante da central sindical no CES (Consello Económico e Social) do Estado.
As conferencias terán lugar en:
•Viveiro, ás 17:00hs, no salón de actos do edificio sindical
•Barreiros, ás 20:00hs, no centro social de San Cosme.

As pensións públicas, conquista da clase traballadora
Logo de anos de saqueo á clase traballadora, agora o Goberno e o poder económico pretenden facernos crer que as pensións públicas non son viábeis e que hai que complementalas con aforro e con pensións privadas. Non podemos caer nesta trampa, pois é a administración quen debe garantir unhas pensións públicas dignas. Facelo non é un problema económico, senón de vontade política. O sistema público de pensións en Galiza, ou mesmamente un sistema público galego, é posíbel, viábel e capaz por si propio.
As medidas incluídas nos Orzamentos Xerais do Estado son un parche que non solucionan ningún dos graves problemas que trouxeron as reformas impostas en 2011 (polo PSOE) e en 2013 (polo PP): dificúltase cada vez máis o acceso ás pensións contributivas, diminúense as contías das pensións de quen accede ao sistema e atrásase a idade efectiva de xubilación.
Adíase, pero non se suprime, a entrada en vigor do denominado factor de sustentabilidade, polo que, se non somos quen de impedilo, as futuras pensións poderanse ver reducidas até nun 20% a conta das mentiras sobre o aumento da esperanza de vida, pois canto máis maiores, pensións máis pobres teremos.
O sistema público de pensións é unha conquista da clase traballadora a través de décadas de loita, e é a través da loita como temos que evitar que nolas rouben. Esa é unha das razóns polas que a CIG ten convocada folga xeral para o vindeiro 19 de xuño, porque a folga xeral constitúe a arma máis poderosa que a clase traballadora ten para defender as pensións públicas, pero tamén como mellor defensa ante a próxima reforma que están a cocer no chamado pacto de Toledo.

Exit mobile version