Site icon Crónica3.com A Mariña

A Consellería do Mar destina máis de 163.000 euros a fomentar a especialización marítimo-pesqueira a través de oito bolsas de formación

Santiago de Compostela. 18-5-18. O Consello da Xunta autorizou esta mañá o compromiso do gasto para a convocatoria de oito bolsas de formación dirixidas a titulados de ciclos formativos de grao superior en materia de Acuicultura, Análise e Control, e Anatomía Patolóxica e Citodiagnose. Para o financiamento destas estadías, a Consellería do Mar destina 163.200 euros para as anualidades 2018, 2019 e 2020 co fin de fomentar a investigación e especialización nestas materias.

Estas bolsas de especialización post-formativa son para a realización de prácticas como persoal auxiliar de investigación mariña. Así, ofreceráselles aos bolseiros a oportunidade de participar en experiencias e programas específicos de investigación, facilitándolles unha preparación práctica cualificada e de probada utilidade para a inserción na vida empresarial.

A formación realizarase durante dous anos no Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) de Corón e no de Ribadeo. A Consellería do Mar aposta pola especialización do alumnado e por facilitar o seu acceso ao mundo laboral; de aí o interese en convocar estas bolsas.

Poderán optar a estas bolsas todos os alumnos titulados como técnicos en Acuicultura, técnicos en Análise e Control e Técnicos en Anatomía Patolóxica e Citodiagnose. O importe de cada bolsa inclúe unha asignación mensual bruta de 800 euros e a alta no réxime xeral da Seguridade Social. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde o día da publicación da orde no DOG.

Exit mobile version