O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que a Secretaría Xeral para o Deporte asinou un convenio coa Federación de Automobilismo de Galicia para sufragar con 20.500 euros as catro principais probas desta modalidade que se organizan en Lugo, a da Pontenova e máis a Subida a Chantada, o rally da Ulloa e o rally de San Froilán.
Balseiro lembrou que en Galicia “existe unha gran afección aos deportes de motor, que se ve incentivada con eventos como este que se vai consolidando como unha das citas máis atractivas do calendario automobilístico”.
A Subida á Pontenova está organizada pola Escudería A Pontenova e é unha proba puntuable para o Campionato galego de rallys de montaña. Desenvólvese nun tramo de preto de 5 quilómetros de lonxitude na estrada LU-4803 (A Pontenova-Augaxosa).
Este sábado, día 2, realizaranse ao longo da mañá as verificación administrativas e técnicas dos participantes. Ás 15,30 horas terá lugar a presentación dos pilotos no parque pechado, que estará situado na Praza dos Fornos. Ás 16,30 está prevista a saída da primeira manga de adestramentos e de seguido a primeira manga oficial.