Site icon Crónica3.com A Mariña

Alfredo Llano anima ao público a asistir ás mesas redondas das XXV Xornadas técnicas Expomar. Este venres, falarase dos hábitos de consumo, da nutrición e da trazabilidade

Burela, 3 de maio de 2018. O alcalde, Alfredo Llano, anima a participar nas XXV Xornadas Técnicas Expomar que se celebran na confraría de pescadores burelesa. Tamén este venres terá lugar o XIX Encontro Empresarial de Organizacións Pesqueiras. Llano fai unha chamada á asistencia da poboación sobre todo a xornada do venres na que se falará de hábitos de consumo, nutrición e trazabilidade. A mesa redonda, que dará comezo ás 17:00 horas, contará coa pediatra Rosaura Leis e co cociñeiro do Grupo Nove Iñaki Bretal, entre outros.
O rexedor manifestou que “hoxe inauguramos a 25 edición das Xornadas Técnicas Expomar. Imos comezar ás cinco da tarde con temas interesantes que levan o título común de Xestión de Políticas Pesqueiras. Vai ser un foro de intervencións con respecto ao que interesa ao profesional, realmente o que sinte, ten que vivir e ao que ten que responder a pesca todos os días, os armadores, os profesionais que traballan nos barcos e todo aquilo que depende da pesca”.
Alfredo Llano sinalou que “este ano ao ser o 25 aniversario queremos abrir as expectativas e que existan moitas posibilidades de atender as necesidades dos consumidores, mañá imos facer un día practicamente dirixido ao público en xeral. A xente que non ten que ver co sector da pesca, pero si ten que ver como consumidor e que aprecia o pescado como alimento fundamental. Imos ter incluso un cociñeiro que vai dar unhas charlas sobre como cociñar e aproveitar ben o peixe”.
O alcalde burelés e presidente da Fundación Expomar quere “invitar a todo o mundo que queira achegarse por aquí á confraría de pescadores, a partir das cinco da tarde hoxe, aínda que vai ser máis orientado á profesión como pode ser o brexit, os caladoiros, os descartes, etc. Mañá que se achegue todo o mundo para atender un pouco o que é a nutrición, a trazabilidade, a forma de preparar o peixe… Consideramos que é unha boa oportunidade para participar nestas xornadas. Así que quero animar a todo o mundo a que participe. Seremos o epicentro en Burela, hoxe e mañá, en temas de pesca”.

Exit mobile version