As instacións do hotel O Cabazo, de Ribadeo, acolleron o pasado sábado, día 26, unha nova fin de semana tecnolóxica sobre avarías resoltas no taller. Foi impartido por Urbano Fernández Oliveros, que é un técnico de automoción da Coruña que ven colaborando con Apaga desde hai tempo ademais de ser socio da nosa entidade. O presidente da asociación, Álvaro Doural, dixo que “participaron profesores, pero principalmente técnicos de taller de diversos lugares como Coruña, Ribadeo, Barreiros, Mondoñedo, Burela, Viveiro, Avilés e Xixón. Foron preto de 20 os asistentes a esta cita”.
Doural anunciou que “o 16 de xuño se realizará unha actividade, unha fin de semana tecnolóxica, sobre a impresora en 3D. De momento hai bastantes prazas e esperamos realizalo. E posiblemente con iso rematen estas actividades ata a celebración do VII Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos, que vai ter lugar o 29, 30 e 31 de agosto, e a partir de aí no mes de setembro volverán as fins de semana tecnolóxicas.
O presidente de Apaga subliñou que “a novidade vai ser que algunha actividade se vai realizar fora de Ribadeo e imos trasladar aos profesores a Madrid. Temos o ofrecemento dunha empresa de pinturas para facer un curso para un grupo de doce profesores ou técnicos de taller nas súas instalacións de Madrid. E tamén estamos preparando o que consideramos que vai ser o proxecto estrela en 2019, que será a doazón ao coñecemento. Isto vai permitir que poidamos recuperar todo ese talento e esa formación que ten moita xente que xa está xubilada ou que ten moitos anos de experiencia, e que está disposta a aportar todo ese coñecemento para que quede recollido e que non se perda, especialmente no tema técnico aínda que ao mellor hai outros campos nos que tamén se podería facer. Nós imos facer un esforzo humano e económico importante para que iso teña o apoio necesario”.
Álvaro Doural engadiu que “estamos tamén á espera de todas as accións europeas que temos solicitado como promotores ou como socios. Son oito proxectos que se desenvolverían, un deles nos próximos cinco anos, e o resto entre 2019 e 2020. Hoxe contamos cunha rede potentísima a nivel europeo con arredor de 39 socios en distintos países da UE, de centros e empresas, e platexámonos o obxectivo de que en cinco anos poidamos estar en todos eles”.
Namentres estes días alumnado e profesorado participan en diversas saídas formativos en países como Dinamarca ou Italia.