Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo é o único concello galego que obtén a distinción temática en información e educación ambiental pola praia do Torno

O TORNO 2017

Cervo, 08 de maio de 2018.- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, valorou de xeito moi positivo os recoñecementos cos que a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (Adeac) vén de premiar a xestión medioambiental do municipio.
Deste xeito, Cervo é o único concello galego que obtén a distinción temática en información e educación ambiental, pola praia do Torno; xunto ao areal de Arona, en Tenerife e ao de Barbate, en Cádiz. Un recoñecemento que vén ligado “á aposta pola información detallada e actualizada nos múltiples paneis instalados na contorna do areal sobre a calidade da auga ou sobre o servizo de socorrismo, nos que se inclúe tamén a táboa de mareas ou unha predición meteorolóxica a curto prazo; así como recomendacións e consellos sobre reciclaxe ou indicacións para os bañistas en materia de prevención de accidentes.
Nos últimos meses tamén se sinalizaron as dunas da Praia do Torno con paneis que destacan a súa importancia e as razóns que existen para protexelas.
Para a obtención desta insignia tamén se teñen en conta as actividades de concienciación que se desenvolven na contorna; como foi, por exemplo, a Semana do Medio Ambiente, na que participaron os nenos e nenas o pasado verán.
Por outra banda, a Praia do Torno recibe un ano máis o distintivo da bandeira azul pola calidade das súas augas e dos servizos que ofrece.
Ademais, tal e como deu a coñecer no día de a Adeac o “Sendero Azul” do Torno tamén contará con esta insignia, por terceiro ano consecutivo. Un carreiro natural cun percorrido de 2,36 quilómetros, que bordea o areal que leva o mesmo nome “e que é un reclamo de primeira orde tamén para o noso Concello”.
Ademais Villares destacou que O Torno é o único areal da provincia de Lugo e un dos seis de toda Galicia, que conta coa bandeira Ecoplayas “que supón un recoñecemento tamén á boa xestión ambiental”.
O rexedor quixo felicitar tamén a Paco Fra, porque a súa Carpintería de Ribeira, única na provincia de Lugo, foi recoñecida como Centro Azul “pola súa contribución á divulgación en materia medioambiental, realizando un traballo artesanal respectuoso coa contorna”.
O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, destacou que “estamos satisfeitos porque estes recoñecementos veñen refrendar a labor que levamos anos desenvolvendo para buscar a calidade dos nosos recursos naturais, o que supón unha importante inversión en infraestruturas, en saneamento e no coidado e mantemento destes espazos, e estes distintivos son un impulso e un incentivo máis para seguir a traballar baseándonos no compromiso coa contorna e promovendo tamén hábitos responsables para manter as nosas praias na mellor das condicións”.
Exit mobile version