Site icon Crónica3.com A Mariña

Chega a segunda edición da campaña “A túa fidelidade ten premio”, que organiza Acisa Ribadeo. En total vanse repartir 600 euros en vales de compra para gastar nos establecementos asociados

Ribadeo, 31 de maio de 2018. Acisa premia a fidelidade co pequeno comercio sorteando 600 euros en premios entre aquelas persoas que fagan as súas compras nos establecementos asociados entre os días 1 e 25 de xuño. O primeiro premio será de 300 euros en vales de compra e haberá outros dous de 200 e 100 euros respectivamente.

Para participar no sorteo desta campaña os clientes deberán realizar compras, sen importe mínimo, en calquera dos establecementos asociados de Acisa, e por cada unha recibirá unha rifa para que a cubra cos seus datos. O establecemento farase cargo de gardar todas as rifas debidamente cubertas e seladas ata que o persoal de Acisa Ribadeo pase recollelas, ao remate da campaña, para celebrar despois o sorteo.

Os clientes terán as rifas á súa disposición nos establecementos asociados desde o 1 ao 25 de xuño. Os días 26 e 27 de xuño procederase á recollida das rifas por parte de Acisa para poder celebrar o sorteo non presencial o 28 de xuño nas oficinas da asociación na Avenida de Galicia 20, 2ª planta.

O presidente de Acisa, Francisco Iriarte, subliña que “o que se busca con esta campaña é fidelizar a clientela de Ribadeo no comercio asociado regalando 600 euros, en tres premios de 100, 200 e 300 euros, nunha época na que xa se fan compras de roupa de verán, de praia, xoguetes e complementos veraniegos, e na que á maioría se prepara para as vacacións. O obxectivo de Acisa é dinamizar o comercio e potenciar as ventas, sempre premiando ao consumidor”.

Mañá arrinca a segunda edición da campaña A túa fidelidade ten premio, que foi presentada por Francisco Iriarte, presidente de Acisa, por Mª Antonia López, secretaria da asociación, e por Roberto Rivas, que é vogal do colectivo empresarial.

Iriarte señala que “nesta ocasión o formato é diferente para darlle un toque especial á campaña”. En total son 100.000 as rifas que se repartirán. Xa foron entregadas arredor de 70.000 e aqueles establecementos que as acaben e precisen máis o único que teñen que facer é poñelo en coñecemento de Acisa.

Exit mobile version