Site icon Crónica3.com A Mariña

Con Pólvora e Magnolias. “Anagnórise”

Anagnórise é un recurso estilístico que consiste no descubrimento por parte dunha personaxe de datos esenciais, sobre os seus seres queridos e o seu entorno, descoñecidos até ese momento. O esclarecemento altera a conduta da personaxe, mudando aspectos esenciais de seu e do seu contorno. Unha sorte de viaxe iniciático.
Xa mediada a década nos 90´ lembro a lectura da novela de María Victoria Moreno que levaba por título Anagnórise ou do Mecanoscrito da Segunda Orixe de Manuel de Pedrolo.
Coa efervescencia hormonal propia daqueles anos, aínda lonxe a era dixital, a narrativa ensinounos que a lectura era o único espazo onde vivir milleiros de vidas dentro da vida mesma. Un lugar no que aprender a vivir para aqueles –inxenuos- que crimos telo vivido todo, e viñamos a levar a vida por diante.
Por aquel tempo, así como na narrativa galega aparecían novas sinaturas despois da “longa noite de pedra”, a xeración X, como unha premonición iconoclasta propia do espírito punk, quedaba orfa de liderazgo un 5 de abril de 1994 en Seattle.
Tan triste e romántico como aquel verso da canción de Neil Young que dicía que era mellor apagarse de súpeto que ir esmorecendo aos poucos. Lindes xeracionais.
O fío argumental da novela de María Victoria Moreno tiña como protagonista a Nicolau Auris, un rapaz das rías baixas que deixaba atrás o pasado facendo autostop; a súa chofer e compañeira de viaxe era unha tal Xulia Andrade. Dous descoñecidos que non só viaxan xuntos no vehículo que os transporta cara a capital, senón que inician un exorcicio de introspección conxunta a través do cal enfrontan os seus demos.
Lembro tamén a referencia expresa na novela á canción de Bowie, The man who sold the world, deixando, como na canción, todas as portas abertas á interpretación: ¿de que falan a canción e o libro? ¿sobre a xuventude e a falta de auto estima? ¿tratan só historias surrealistas como a vida mesma?
As nosas personaxes chegan ao seu destino e intercambian un número de teléfono. Cando Nicolau quere contactar con Xulia na recepción do hotel onde se hospedaban dinlle que se matou nun accidente de tráfico.
As estrañas coincidencias entre as vidas de Nicolau e Xulia é mellor coñecelas na prosa da súa autora, eu só estaba facendo un exorcicio de nostalxia daquela historia fermosa, estraña, dramática e hipnótica.
Nos 90´ os nenos e adolescentes intentaban transformar a realidade nunha demostración de sobervia e rebeldía como, nunca debera deixar de ser, a xuventude.
Ao mesmo tempo a literatura galega fixaba novas figuras despois de anos de imposto escurantismo. María Victoria Moreno era unha delas, sirvan estas liñas de homenaxe. A escrita é o mellor recoñecemento á lingua.

Exit mobile version