Site icon Crónica3.com A Mariña

Con Pólvora e Magnolias. “Heroes encarcerados”

Mamoudou Gassama era un indocumentado de Mali deambulando por París, un entre milleiros.
En Francia, o país con maior número de internos da UE nos centros equivalentes aos CIE´S españoles. No ano 2015 había 47.000 inmigrantes detidos en territorio francés, dos cales 44.000 foron expulsados.
O caso foi que o tal Mamoudou camiñaba o pasado sábado pola rúa Marx-Dormoy da Cidade da Luz cando puido avistar a un neno colgando dun balcón.
Intrépido, o home araña africano trepou freneticamente de pasamáns en pasamáns até chegar ao 4 piso do edificio en cuestión, e socorrer ao noso mozo en apuros.
A Mamoudou encantábanlle os nenos, non tería soportado que lle pasara algo a un diante del.
Anne Hidalgo, alcaldesa de Paris felicitou publicamente ao persoeiro da semana, e tivo a cortesía de chamalo por teléfono para agradecerlle o seu comportamento. O presidente Macron, como si da recepción dunha autoridade se tratase, entrevistouse coa nosa personaxe este luns no Palacio Elíseo. Non podía ser menos.
De súpeto, e sen querelo, Mamoudou Gassama pasou a converterse en heroe nun país que vive imbuído no discurso infinito da identidade nacional de raíces cristiáns, na psicose permanente do medo a un atentado, e onde o partido de Marine Le Pen defende a denominada “prioridade nacional”. En Francia un 58% da súa poboación estima que hai demasiados inmigrantes.
De xeito coetáneo a fiscalía francesa anunciaba a apertura dun proceso xudicial contra o pai do neno socorrido; o home, de 37 anos, deixara o domicilio familiar para ir “facer a compra” e enredouse argallando co videoxogo “Pokemon Go”.
Coincidencia ou azar, irresponsabilidade ou desgraza, o infortunio duns rematou por ser recoñecemento doutros. “C´est la vie”, que din por alí.
O conto é que o marco xurídico sobre o que se articulou a UE (Tratado da UE, Carta dos dereitos fundamentais da UE, a Directiva 2004/38/CE do Parlamento Europeo, ten como elemento central os principios reitores da democracia liberal: libre circulación de capitais, de mercadorías e de persoas.
Pero a vella Europa segue a ter as súas propias contradicións: mentres en Ceuta e Melilla executábanse as devolucións en quente o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos de Estrasburgo ditaminaba a súa ilegalidade.
O destino quixo unha foto de Mamoudou como heroe nacional nun país onde agroma a xenofobia, un paradoxo para alguén que podería ser un calquera dos 587 migrantes que no ano 2017 perderon a vida no mediterráneo camiño de Europa.

Exit mobile version