Site icon Crónica3.com A Mariña

Con Pólvora e Magnolias. “Mea culpa”

Segundo o Ministerio de Interior no ano 2016 máis dun milleiro de mulleres ó ano eran vítimas de agresións sexuais con penetración, un promedio de unha cada oito horas.
Ao longo dos últimos quince anos arredor de 920 homes asasinaron ás súas parellas e, en innumerables ocasións, aos fillos de ambos.
En xaneiro de 2018 un xulgado de Ceuta arquivou a causa aberta, despois da morte de 15 persoas, durante un intento masivo de inmigrantes de cruzar a fronteira de “El Tarajal”. 250 subsaharianos tentaron entrar a nado na cidade autónoma, e foron benvidos con pelotas de goma co obxectivo de que desistiran. Quince deles morreron, cinco cadáveres apareceron flotando en Ceuta mentres que outros dez corpos quedaron en augas marroquís.
Cada ano falecen sobre 150 presos nas cárceres do estado dos cales o quince por cento rematan suicidándose. Cada cinco días falece un indixente en España, algúns vítimas de agresións, outros morren de frío e outros por esmagamento cando durmían nos cubos do lixo.
¿Onde estaba a lei cando unhas eran penetradas? ¿Onde se agochaba a xustiza cando outros afogaban? ¿Que clase de sociedade é aquela que prende aos pobres? ¿De que serve o estado cando os desampara?
Os interrogantes que nos levan inquedando dende a noite dos tempos volveron a callar, esta vez materializados en forma de pronunciamento xudicial, en forma de sentenza, a pasada semana.
Os feitos probados non deixaban lugar a dúbida:
“En concreto y al menos “la denunciante” fue penetrada bucalmente por todos los procesados; vaginalmente por Alfonso Jesús Cabezuelo y José Ángel Prenda, éste último en dos ocasiones, al igual que Jesús Escudero Domínguez quien la penetró una tercera vez por vía anal, llegando a eyacular los dos últimos y sin que ninguno utilizara preservativo.
Durante el desarrollo de los hechos Antonio Manuel Guerrero, grabó con su teléfono móvil seis vídeos con una duración total de 59 segundos y tomó dos fotos.” (sic)
O relato de tales feitos como acreditados pouco importaba xa ao conxunto da “opinión pública”, tampouco cuestións técnicas relacionadas con tipos delictivos, cuestións hermenéuticas ou procesuais.
De nada serven explicacións a propósito da calificación xurídica, da posibilidade intacta de revisar o fallo en apelación e casación, ou da aplicación do “in dubio pro reo”.
Por suposto a nosa xustiza adoece das mesmas eivas que o tecido social sobre o que opera: é inxusta, ineficiente e patriarcal. Tamén burguesa, eurocéntrica e covarde.
Pero, a modo de corolario, direi que aínda pode existir algo peor que todo iso: unha xustiza convertida en reality show con votación en vivo, unha xustiza á carta.
Hoxe segue a ser imprescindible a crítica, hoxe máis que nunca compre serenidade e reflexión. Dicía o Sartre que só nos convertíamos en nós mesmos a partires do rexeitamento total e profundo de aquelo que outros fixeron con nós.

Exit mobile version