Site icon Crónica3.com A Mariña

Consolídase a asociación “Hostelería de Barreiros” con 25 establecementos xa asociados

Barreiros 15-5-18. Nesta tarde de luns tivo lugar a reunión de constitución dunha nova asociación barreirense: “Hostelería de Barreiros”, e a cal, como o seu nome indica, está dirixida á integración daqueles establecementos barreirenses relacionados co sector hosteleiro.

Tal e como se acordou, polo momento será unha comisión xestora a que se encargue dos trámites de constitución, coa idea de convocar máis adiante eleccións a Xunta Directiva. Esta comisión queda inicialmente integrada por 6 persoas.

Entre as cuestións tratadas na tarde deste luns abordouse a necesidade de mellorar a promoción turística do concello mediante medidas como a sinalización tanto do propio concello como dos servizos hosteleiros existentes; mellora na promoción e divulgación de rutas naturais, procurar a atracción de visitantes/turistas interesados en outro tipo de oferta como a deportiva, a de natureza, ou a de eventos. Neste último sentido, a realización de accións puntuais que favorezan a chegada de persoas doutros lugares, é un dos obxectivos a desenvolver.

A recén creada asociación procurará a creación dunha “marca”, “mensaxe” de Barreiros mediante a cal mostrar que o municipio conta con moitos outros recursos que ofrecer ás persoas visitantes máis alá da temporada estival e da oferta de praias, coa finalidade de procurar un maior auxe do sector turístico e conseguir que o sector logre mellores cifras fóra dos meses de verán.

Exit mobile version