Site icon Crónica3.com A Mariña

Deputación e ABANCA dotan o Plan Activamos con 21 millóns de euros en novo financiamento para 2018

Lugo, 10 de maio de 2018. A Deputación e ABANCA asinaron esta mañá o acordo de renovación do Plan Activamos correspondente ao exercicio 2018. Grazas a este acordo, as empresas, as familias e as corporacións locais da provincia de Lugo disporán dunha nova partida de 21 millóns de euros en financiamento en condicións preferentes enfocado ao desenvolvemento socioeconómico.
A firma do acordo tivo lugar na sede da Deputación en Lugo, nun acto que contou coa presenza do presidente do organismo provincial, Darío Campos Conde, e o director de Negocio Institucional Galicia-Asturias-León de ABANCA, Liño Comesaña Calvo.
“Coa renovación desta colaboración, o que pretendemos dende a Deputación é dinamizar a economía da provincia, trátase dunha iniciativa coa que axudamos a que concellos e empresas poidan acceder a financiamento co que desenvolver proxectos que redunden na mellora da calidade de vida dos nosos veciños, que é o noso principal obxectivo”, explicou o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos.
“Un ano máis, as familias, as empresas e as corporacións locais da provincia de Lugo teñen á súa disposición unha ferramenta para mellorar os seus estándares de benestar e competitividade, en condicións preferentes e con diversas fórmulas deseñadas para adaptarse a usos específicos”, sinalou o director de Negocio Institucional Galicia-Asturias-León de ABANCA, Liño Comesaña.
Condicións vantaxosas
Desde a súa creación en 2014 o Plan Activamos supuxo a formalización na provincia de Lugo de 2.886 operacións de financiamento en condicións preferentes respecto das estándar do mercado, mediante as cales se inxectou un total de 72,5 millóns de euros.
A través do Plan Activamos ABANCA pon a disposición das empresas, as familias e as corporacións locais diferentes produtos financeiros adaptados ás súas necesidades. Son características comúns a ausencia de comisións por estudo, amortización ou cancelación anticipada, a existencia de amplos prazos de amortización e a posibilidade de acollerse a períodos de carencia en determinados casos.
Modalidades
As empresas e autónomos dispoñen de financiamento para a posta en marcha de novos negocios, a realización de novos investimentos, a creación de emprego, a mellora da eficiencia enerxética e as necesidades de circulante. As familias poden solicitar fi-nanciamento para o uso de enerxías renovables, a mellora enerxética e de accesibilidade no fogar, a dotación de equipamento tecnolóxico, o desenvolvemento formativo e profesional, a adquisición de vehículos eficientes e a rehabilitación de vivenda habitual no medio rural. As corporacións locais contan con financiamento para a realización de investimentos, circulante, avais e confirming.

Para este ano 2018 o Plan introduce como novidades o incremento dos importes máximos financiables e o aumento dos prazos de amortización nalgunhas modalidades. Desde a creación desta iniciativa en 2014, ABANCA inxectou en colaboración co catro deputacións provinciais galegas máis de 500 millóns no tecido produtivo e social da comunidade autónoma.

Exit mobile version