Site icon Crónica3.com A Mariña

Este domingo conclúe o XIII Ribadeo de Tapeo no que participan 44 establecementos, que ata o momento venderon 10.000 tapas

Ribadeo, 18 de maio de 2018. Os 44 establecementos participantes na XIII edición do Ribadeo de Tapeo, serviron ata o momento arredor de 10.000 tapas, segundo os datos que baralla o Concello. A concelleira de Turismo, Ana Martínez, convida a disfrutar dos últimos días desta cita gastronómica que remata o domingo. O luns, 21 de maio, a partir das cinco da tarde, no hotel restaurante Voar, terá lugar a selección das tapas premiadas por parte do xurado profesional.
A edil ribadense contou que “durante esta semana de Ribadeo de Tapeo temos que dicir que os establecementos participantes, un total de 44, despacharon máis de 10.000 tapas, o que creo que supón un éxito como todos os anos, xa que aínda nos queda esta última fin de semana que agardamos que sexa un broche final como nas edicións anteriores, onde se sobrepasan estas cifras nunha cantidade bastante importante”.
Ana Martínez dixo que “os establecementos en xeral están moi contentos coa participación e escoitando ao público que proba as tapas di que hai innovación, tapas diferentes e combinacións suxerentes. Polo tanto para quen aínda non se achegou a Ribadeo a degustar este gastrofestival quero convidalos a vir a disfrutar da fin de semana a Ribadeo, co xogo de sabores do Ribadeo de Tapeo e todo o que supón tamén a nivel cultural e de actividades que poderán atopar durante estes días ”.
A concelleira de Turismo lembrou que “este venres no auditorio municipal haberá unha importante actuación a cargo do autor Miro Casavella xunto coa Coral Polifónica. Mañá, 19 de maio, á xente que lle apeteza ter un contacto coa natureza tamén poderá disfrutar dunha visita guiada, a partires das dez da mañá, dende a praia de As Catedrais polo espazo natural ata Rinlo. No Teatro haberá o concerto do Día das Letras Galegas, a partires das oito e media”.
Ana Martínez convida á xente “a aproveitar esta fin de semana para vir a disfrutar dos sabores a Ribadeo, para vir a participar cos amigos do Ribadeo de Tapeo, que sempre presenta innovación, sabores novos, novos xogos, novas mesturas, e novas tapas que os nosos hostaleiros e hostaleiras poñen dunha maneira cariñosa, con moito agarimo para que veñamos disfrutar. Ao mesmo tempo quero recordar que o público ten premio, que nesa ruta hai que selar as tarxetiñas que dan nos establecementos segundo vaiamos tomando a tapa, e depositalas como último día o domingo nas furnas que hai nos locais. O público pode elixir a mellor tapa e a suma destes puntos dará lugar ao premio do público e á mellor barra”.

Exit mobile version