Site icon Crónica3.com A Mariña

Éxito de público e participación en Burela no XI Encontro de palilleiras, no concerto do XXX Aniversario da Coral Polifónica e no Día do xubilado celebrados esta fin de semana

Burela, 14 de maio de 2018. O alcalde, Alfredo Llano, fixo un balance moi positivo da intensa fin de semana vivida na localidade co XI Encontro de Palilleira, co XXX aniversario da Coral Polifónica e co Día do Xubilado. A pesares do tempo desapacible todas as citas foron un éxito.
O rexedor burelés dixo que “se teño que cualificar o que sucedeu esta fin de semana en Burela, diría que foi moi positivo para moita xente, para o noso concello e moi satisfactoria en todos os sentidos”.
Alfredo Llano contou que “tivemos o evento da Coral Polifónica de Burela, que celebrou o seu trinta aniversario xa, que está dando vida cultural ao noso concello, fai de embaixadora en moitos lugares a onde vai coa súa extraordinaria música porque fano moi ben. O sábado tivemos aquí cinco corais en total, de Laxe, Viana do Bolo, Barro, San Cibrao e máis a nosa. Foi un acontecemento moi bonito, houbo moi boas interpretacións, había moita xente e ao final participamos todos cantando en boa relación entre todas as corais. Darlles os parabéns por esa traxectoria de trinta anos, e que sigan moitos anos máis, desde o Concello imos animalos e imos participar en todo aquilo que sexa a beneficio da Coral Polifónica”.
O alcalde engadiu que “tamén tivemos o Encontro das Palilleiras, a edición número once xa. Houbo moitisima xente. Ao principio non se contaba con tanta, estaba moi mal tempo, fixo frío incluso pola mañá, pero pouco a pouco foise completando o recinto feiral da nave de redes no porto, de tal xeito que case chegamos ás 700 prazas. Foi un día con moita xente de fora, viñeron de diversos lugares de Galicia, incluso de Asturias e de Castela. Foi unha xornada moi animada e exhibidora do que é o bo facer das palilleiras. Encheron o pobo, por exemplo houbo moita xente nos restaurantes, e foron visitar o Monte Castelo, o barco museo e fixeron un pequeno percorrido polo noso pobo, o cal dá lugar a facilitar que estas persoas volvan no seu día dado que agora xa coñecen onde está Burela e como é”.
Alfredo Llano concluíu lembrando que “onte rematamos esta fin de semana intensa coa Festa dos Xubilados onde houbo unha participación de case 500 persoas no pavillón dos institutos. Disfrutamos todos dun bo xantar, de música, dunha convivencia e de compartir un día que sempre é moi bo para todos, saír da casa e atoparse con xente que ao mellor levan moito tempo sen ver. Recibímolos no auditorio onde houbo unha actuación do grupo de jazz da Escola de Música de Burela, que nos gustou moito a todos. Pensamos que foi un bo día para Burela e para os nosos maiores. Todo o mundo nos volveu pedir que se siga facendo esta celebración porque a ven motivadora e positiva en todos os aspectos”.

Exit mobile version