Site icon Crónica3.com A Mariña

Fútbol Gaélico no Ciclo de Actividades Físicas e Deportivas (TAFAD) do IES Monte Castelo (Burela)

Burela 21-5-18. Este luns, ás 10 da mañá, os alumnos e alumnas do Ciclo Superior de Actividades Físicas e Deportivas (TAFAD), do IES Monte Castelo de Burela, asistiron a unha charla de presentación sobre Fútbol Gaélico.

A actividade, promovida pola Asociación Galega de Fútbol Gaélico, en colaboración co propio IES burelés, enmárcase dentro do proxecto “Desembarco Gaélico na Mariña”, que ten por obxectivo dar a coñecer este deporte na comarca, como punto de partida para a posible creación de equipos, masculinos e femininos que poidan participar nas diferentes competicións que se celebran por toda a xeografía galega.

O mariñán Roberto Casas, representante da Asociación Galega de Fútbol Gaélico, foi o encargado de dirixir a conversa, na que se profundizou nas orixes deste deporte irlandés, o xogo en si e a súa evolución no noso país e no resto do mundo e os proxectos de futuro, centrándose especialmente no que á Mariña se refire.

O “desembarco gaélico na Mariña” é un proxecto que pretende dar a coñecer o Fútbol Gaélico por medio de charlas, presentacións en diferentes ambitos e adestramentos abertos, que permiten probar en primeira persoa as sensacións dun deporte que chegou a Galicia no ano 2010 e que, dende entón, está a experimentar un crecemento meteórico.

Exit mobile version