Site icon Crónica3.com A Mariña

“Lembranza do mestre Lugilde”

Don Manuel albergaba,na súa figura miúda, unha grande calidade humana e unha vocación polo ensino ó que dedicaba todos os esforzos e permanente atención. Foi un adiantado ás novas técnicas pedagóxicas; a través das actividades extraescolares, as labores en equipo, etc. Na súa escola realizábanse traballos manuais – nos que era un experto -, aprendíase música e o dominio de instrumentos de corda: guitarra,banduria, laúde e ensaiábanse a coro cancións galegas tradicionais.
Na aula dispuña dun pequeno museo natural, ó que ían a parar os mais heteroxéneos elementos dos que os alumnos recibían as correspondentes leccións. Moi afeccionado á pintura, copiaba obras de grandes artistas: Velázquez, Murillo, O Greco…que penduraba das paredes e comentaba cos rapaces.Representaban obras de teatro, por él dirixidas e algunhas tamén escritas. Destas a mais popular é a titulada “De vello… gaiteiro”, que na actualidade foi representado polo grupo teatral “O Pico doCastro” por toda bisbarra, con notable éxito.
As súas ensinanzas tiñan unha orientación eminentemente práctica, con vistas ó futuro desempeño dos diversos oficios, que eran a máxima aspiración dos xoves de entón; daí a importancia da xeometría, a aritmética, agrimensura e o debuxo. Amante da natureza, nas camiñadas por camiños e corredoiras; polo campo e a beiramar, espertaba nos rapaces o interese polo medio natural e a súa conservación.
Cando a aventura do “Plus Ultra”– o hidroavión español que o ano 1926, por primeira vez atravesou o Atlántico sen facer escalas -, en tempos de tan pecarios ou inexistentes medios de comunicación e información, os discípulos de don Manuel eran coñecedores dos pormenores da travesía¸e o profesor artellou unha maqueta do histórico aparato que por moito tempo permañeceo pendurada do teito da aula.
Polo mes de abril de 1984 este cronista publicou a semblanza humana e profesional de don Manuel polo que suxería ó concello o recoñecemento á súa persoa. Os membros da Corporación, capitaneados entón por Pepe Paz,tomaron nota e, cinco meses mais tarde,consumábase a homenaxe. Fíxose unha exposición cos cuadros que él pintara; coas vellas fotografías das que fora autor: recortes de prensa e outros testemuños do seu fecundo labor; e divulgouse a súa biografía: dende entón unha rúa,pretiño da que fora a súa escola, leva o nome de “Mestre Lugilde”. Nacera en Lugo (1885), chegou a Foz(1921)e aquí finou (1948). Él foi un significado persoeiro da historia escolar da nosa vila.Lembrámolo con agarimo e gratitude.
Don Manuel Lugilde Penelas era curmán do músico lugués, don Gustavo Freire Penelas,
que da nome ó Conservatorio daquela cidade.

Exit mobile version