Site icon Crónica3.com A Mariña

“Logo do espectáculo público preparado para o Pleno, a porta pechada o Partido Popular aproba que SUPLUSA custe aos lucenses máis de 100.000 euros e rexeita a súa disolución”, di o grupo de goberno

Lugo, 29 de maio de 2018. O Goberno da Deputación quere informar aos lucenses sobre os feitos acontecidos no Pleno deste martes, coma sempre público, pois pódeno seguir en directo todos os cidadáns de xeito presencial no Pazo de San Marcos ou a través de Internet; así como sobre os que seguidamente tiveron lugar a porta pecha, é dicir sen a presencia de ningún cidadán nin profesional dos medios de comunicación, na Xunta Xeral de SUPLUSA.

O Executivo Provincial presentou, tanto ao Pleno como á Xunta Xeral de SUPLUSA de hoxe, sendas mocións de urxencia de disolución e liquidación deste organismo, que depende directamente da Deputación, que se financia ao 100% por fondos públicos no organismo provincial e cuxa existencia e obriga legal é desenvolver os traballos ou encomendas que lle encargue a Deputación en beneficio dos lucenses, como instrumento público dunha institución pública.

Dende hai tempo, SUPLUSA non está a cumprir coas súas obrigas legais, pois nin tan sequera entrega á Deputación de Lugo os resultados dos labores encomendados, deixando de ser un instrumento útil por e para o público, cuxa actual actividade pode ser perfectamente asumible de xeito directo polo organismo provincial.

A maiores de todo isto, nos pasado días, o Partido Popular acordou no Consello de Administración de SUPLUSA a modificación dos Estatutos deste organismo para poñer salarios que non existían superiores aos 57.000 euros e aos 41.000 euros, así como dietas por asistencia a calquera reunión de SUPLUSA de 151 euros. O PP acordou que SUPLUSA costase a todos os lucense, por primeira vez na historia deste organismo, máis de 100.000 euros ao ano.

Os tres Deputados do Goberno Provincial con representación en SUPLUSA opuxéronse a todo isto e votaron en contra da creación desta nova masa salarial e a percibir dietas, renunciando ás mesmas. Hai que ter en conta que se os 9 Conselleiros de SUPLUSA recibisen 151 euros por asistencia a cada reunión, este organismo custaría aos lucenses 1.359 euros ao día. Polo tanto, entre os salarios e as dietas, os custos de SUPLUSA aos lucenses superan os mencionados 100.000 euros anuais.

Moción de urxencia: maioría absoluta e sen validez o voto de calidade do Presidente
Unha moción de urxencia, como a presentada hoxe polo Goberno Provincial no Pleno e na Xunta Xeral de SUPLUSA para a disolución e liquidación deste organismo, ao ser un asunto non incluído na orde do día require, tal e como dita a lei, que a súa urxencia sexa aprobada pola maioría absoluta dos membros da Corporación para poder ser tan sequera debatida, non sendo válido o voto de calidade do Presidente. No caso da Deputación, tanto no Pleno como na Xunta Xeral de SUPLUSA, a maioría absoluta acádase co apoio de 13 dos 25 Deputados que hai na Corporación Provincial.

Así o recolle, entre outra lexislación, o artigo 213 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, reguladora da Administración Local de Galicia: “Serán nulos los acuerdos adoptados en sesiones extraordinarias sobre asuntos no comprendidos en su convocatoria, así como los que se adopten en las sesiones ordinarias sobre materias no incluídas en el respectivo orden del día, salvo especial y previa declaración de urgencia hecha por el órgano correspondiente, CON EL VOTO FAVORABLE DE LA MAYORÍA ABSOLUTA DEL NÚMERO LEGAL DE MIEMBROS DE LA CORPORACIÓN.

Acontecementos no Pleno
Practicamente ao inicio do Pleno, o Deputado non adscrito incumpriu reiteradamente o ordenamento da institución, interrompendo e intervindo no Pleno ao marxe das ordes regradas e desacatando en varias ocasións ao Presidente que, ante esta situación, repetida en moitas sesións plenarias, tivo que chamalo á orde reiteradamente, retirarlle a palabra e expulsalo do Pleno. Non abandonou a sesión plenaria ata que o considerou. Inmediatamente despois, co Deputado non adscrito aínda no Pleno, o PP anunciou que os seus 12 Deputados tamén abandonaría. O Goberno Provincial considera que isto foi un “espectáculo preparado” para non debater en público a moción de urxencia sobre a disolución de SUPLUSA, os custos de máis de 100.000 euros aos lucenses que acordou poñer o Partido Popular neste organismo ou as irregularidades que está a levar a cabo.

O PP mentiu nas declaracións públicas que fixo ao respecto, pois o feito de que faltase xa un Deputado, o expulsado, impedía debater calquera moción de urxencia, pois non se aprobaría a súa urxencia ao non contar coa maioría absoluta de 13 Deputados e non ser válido o voto de calidade do Presidente.

Acontecementos na Xunta Xeral de SUPLUSA
“Logo do espectáculo público no Pleno, na Xunta Xeral de SUPLUSA, que é privada, o Goberno da Deputación presentou a mesma moción de urxencia para a disolución e liquidación de SUPLUSA. Chegado o momento de votar a súa urxencia, o Deputado non adscrito votou en contra xunto a algúns Deputados do PP, pois outros abstivéronse ao non levantar a man. Ante esta situación, a voceira do Partido Popular, Elena Candia, pediu un receso. Despois do mesmo, repetiuse a votación sobre a urxencia da moción e xa votaron a favor os 12 Deputados do PP e tamén o Deputado non adscrito, aprobándose por unanimidade a urxencia e, polo tanto, permitindo o debate da moción na Xunta Xeral. Feito o seu debate a porta pecha, é dicir, sen presencia de ningún cidadán ou medio de comunicación, os 12 Deputados do PP e o Deputado non adscrito votaron en contra da disolución e liquidación de SUPLUSA.

Inmediatamente despois, co voto en contra de todos os membros do Goberno da Deputación, o PP aprobou a modificación dos Estatutos de SUPLUSA, aprobando na Xunta Xeral que SUPLUSA custe aos lucenses máis de 100.000 euros ao ano (uns 57.000 euros no salario do Presidente de SUPLUSA, uns 41.000 nun asesor para o mesmo –retribucións que nunca existiron-; e dietas de 151 euros por asistencia a calquera reunión).

O Deputado do BNG, que renunciou anteriormente, hoxe foi substituído por José Pardo, Deputado do PP e Alcalde de Outeiro de Rei, que pasa a ser Conselleiro deste organismo. Os 3 Deputados do Goberno que son Conselleiros avanzaron que non volverán a asistir ás reunións de SUPLUSA polo que tamén terán que substituídos.

SUPLUSA non é util aos veciños, aínda que lles custa máis de 100.000 euros, pero si ao PP
Con todos estes feitos acontecidos, o Goberno da Deputación considera “evidente, que o Partido Popular preparou toda unha escena teatral, como ten feito xa noutras ocasións, para non falar publicamente sobre os 100.000 euros que fai pagar a todos os lucenses por manter un organismo coma SUPLUSA que non é útil para os veciños pero si para os seus intereses partidistas e facer oposición ao Executivo Provincial”.

Exit mobile version