Site icon Crónica3.com A Mariña

Máis dun cento de persoas asistiron á cea do 30 aniversario de Acia Foz. No evento rendeuse homenaxe a Suso Fernández, o primeiro presidente do colectivo

Foz, 17 de maio de 2018. Máis dun cento de persoas asistiron onte á noite en Foz á cea de conmemoración do 30 aniversario de creación de Acia Foz. No evento déronse cita empresarios locais, os tres presidentes da asociación, xornalistas e diferentes autoridades, que felicitaron á Acia polo traballo realizado ao longo destes anos e animáronos a seguir unidos loitando e facendo pobo, como di o seu slogan.
O acto deu comezo coa actuación de Felipe Sánchez, director da Escola de Música de Foz, que á guitarra e acompañado ao clarinete por Manuel Menacho interpretaron dúas pezas de Curros Enríquez: Un adiós á mariquiña e Os teus ollos. A continuación Agua Menacho recitou varios poemas co acompañamento musical da guitarra de Felipe. A noite foi moi emotiva e entrañable para Suso Fernández, o primeiro presidente que tivo a Acia de Foz, xa que foron os seus netos Agua e Manuel os que lle renderon a súa particular homenaxe.
A continuación tiveron lugar os discursos de José Carlos Paleo, o actual presidente da Asociación de Comerciantes de Foz; de Javier Castiñeira, alcalde de Foz; de Alfredo Llano, presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña; de José Mª Seijas, presidente da Federación Galega de Comercio; de Sol Vázquez, directora xeral de Comercio; e de José Manuel Balseiro, delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo.
José Carlos Paleo e Javier Castiñeira fixéronlle entrega dunha árbore da vida a Suso Fernández, en recoñecemento ao traballo realizado durante os anos que estivo á fronte da Acia local. O rexedor tamén o agasallou cunha insignia co escudo do Concello de Foz. A dona e compañeira de vida de Suso Fernández, Marita, recibiu un ramo de flores.
Todos os asistentes tiveron a oportunidade de escoitar atentamente a Suso Fernández, o tamén cronista oficial de Foz, que recordou os seus tempos á fronte da asociación, o traballo realizado por e para a vila, desexoulle moita sorte a José Carlos Paleo e á súa directiva e dixo que agarda que Acia Foz poida chegar a celebrar as súas vodas de ouro. Para Fernández a esencia inicial da asociación segue viva e adaptada aos tempos que corren.
O broche de ouro á quenda de intervencións púxoo de novo Felipe Sánchez, que na compañía de África ao piano, interpretou un tema de Quevedo, Después que te conocí, e outro de Antonio Barrio, En un rincón del camino.
Os asistentes ao 30 aniversario de Acia Foz compartiron un rico menú no restaurante Leytón nun ambiente moi agradable e no que as conversas e as lembranzas se prolongaron ata ben entrada a madrugada.

Exit mobile version