Co lema “en galego día a día” a plataforma cidadá Queremos Galego reclamará este 17 de maio o día a día das persoas que fan que a lingua viva mais ás que se lles exixe un esforzo que non terían que facer se quixeren utilizar unha lingua plenamente normal.
Este día a día é que consegue manter viva unha lingua que non só non conta con amparo institucional senón que recibe desamparo e agresividade sistemática.
A sociedade galega é cada vez máis consciente de que a exclusión da súa lingua é a negación do seu dereito a existir con dignidade. Isto é o que explica o aumento da demanda de galego en todos os ámbitos. Porén, esta demanda non só non é atendida senón que nos últimos anos sufrimos un importante retroceso acelerado por quen precisamente ten a obriga legal do contrario, o presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feixó.
As promesas incumpridas de posibilidade de uso pleno e normal da lingua propia, contidas no Estatuto e na Lei de normalización lingüística, xunto cos importantes retrocesos, son os que ademais provocaron unha reacción social a favor do galego cada vez máis ampla e máis estendida que se visualizará unida, máis unha vez, este 17 de maio. Esta reacción colectiva é a que permitirá reverter o proceso de substitución lingüística é a garantía de futuro do galego que está na forza e na dignidade do pobo galego. Esta forza e dignidade inmensa a de todas as galegas e galegos sen distinción é a que convocamos para este 17 de maio en Compostela. Entre todas e todos podemos mudar a situación e por iso será unha grande manifestación de unidade en torno ao noso idioma.
Facemos un chamado a todas as persoas que aman Galiza, que aman a nosa lingua, que queren avances para ela, posibilidades de uso e accións públicas que permitan instalarse no galego con total liberdade a quen non o fala, sen estigmatización, sen desprezos.
Desde a Mariña haberá autobuses para ir á manifestación do 17 de maio a Santiago de Compostela. Para reservar praza hai que anotarse chamando ao 982.140.654, 982.581.861 ou ao 605.377.317. Prezo adultos: 5 €