En Viveiro, a 9 de maio de 2018. O voceiro do Partido Popular de Viveiro, abaixo asinante, en nome propio e no do grupo municipal do PP, presenta ó Pleno, para o seu debate e aprobación se procede, a seguinte
Moción do PP para a inclusión do Concello de Viveiro na iniciativa “Concellos Doing Business Galicia” ou “Concellos emprendedores”
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
O Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, e o Presidente da FEGAMP, Alfredo García Rodríguez, asinaron o pasado 10 de outubro de 2017 un protocolo xeral de actuación para fomentar a implantación e fixación de empresas nos concellos galegos, a través do cal Xunta e concellos se comprometen a unha serie de actuacións tendentes ó fin indicado, e por conseguinte á creación de emprego, xeneración de riqueza e asentamento de poboación.
Desde o Grupo Municipal Popular entendemos que o Concello de Viveiro debería de acollerse a esta iniciativa polas razóns anteriormente expostas e máxime cando o noso concello, desgraciadamente, lidera mes tras mes, o ranking do número de desempregados dos Concellos de A Mariña, sobrepasando habitualmente os 1000 desempregados.
Por todo isto o noso Grupo propón ó Pleno da Corporación para a súa aprobación o seguinte acordo:
ACORDO
1. O Concello de Viveiro solicita a súa inclusión na iniciativa “Concellos Doing Business Galicia” ou “Concellos emprendedores”.
2. Facultar á Sra. Alcaldesa para que leve adiante todos os trámites necesarios para poder asinar este convenio.
Antonio J. Bouza Rodil
Voceiro PP de Viveiro