Site icon Crónica3.com A Mariña

Mofa e Befa presentan en Burela “Craneos Privilexiados ou crítica da razón perralleira”

Burela 8-5-18. Producións teatrais Excéntricas é a productora dos espectáculos de MOFA&BEFA, mais estende a súa actividade a outras producións teatráis que non se limitan á actividade do mítico dúo cómico, tan admirado e copiado. Dos espectáculos de Mofa&Befa, compre destacar “Shakespeare para ignorantes” ( a obra máis vista en Galicia en 2010) , “Sempre ao lonxe” ,”Finismundi”, “Circus “e “Para ser exactos”.
Entre outros tipos de producións destacan “Un cranio Furado” gran triunfadora nos premios de Teatro María Casares .A petición de empresas e institucións públicas a Excéntricas fixo espectáculos ad-hoc como a presentación do Plano Galego Das Artes Escénicas, Xornadas do Igape, Parlamento Galego, Premios Mestre Mateo, Parques Tecnolóxicos, Instituto Cervantes de Lisboa, etc.
Tamén apoia proxectos unipersoais, como os traballos musicais dePiti Sanz ou as performances de Quico Cadaval.
A compañía foi convidada a festivais como Clásicos de Alcalá, Almagro, Tititimundi, Autonomias de Madrid, Iberoamericano de Bogotá, etc.
Logo de vintecinco anos arriscando o pelexo sobre todo tipo de escenarios , en festivais de teatro clásico e anódinos bares universitarios, en desaparecidas salas alternativas ou nos desabrigados cortellos das redes teatrais do estado , o celebrado dúo cómico MOFA & BEFA enfronta pola primeira vez na súa dilatada traxectoria o metálico ardor da dúbida. “E agora que? “, sería o seu particular remedo da dúbida metódica cartesiana, aquela que obriga aos dubidantes a desconfiar de todo o que os arrodea, a comezar por si mesmos, postulando ademais a existencia dun xenio maligno, tal vez un escuro funcionario da Xunta de Galicia, responsábel de os conducir por errados camiños e empurrados por derivas pouco sustentábeis desde un punto de vista racional. É hora de pensar , non queda outra .
E esa é a gran pregunta. De que vai eso de pensar? Unha pregunta que trae aparellada a súa propia revelación, porque se do que se trata é de aprender a pensar, por que non superar todas as dúbidas como dúo cómico facendo un espectáculo sobre a propia ciencia do pensamento, coñecida desde hai dous mil quinientos anos polo enigmático e farfallado nome de “filosofía”?
En semellante acto de coraxe é onde se evidencia de vez o carácter indómito de Josito PORTO e Víctor MOSQUERA, os dous actores que dan corpo e alma a Mofa& Befa.(Nesta ocasión).
O dúo , lonxe de pretender facer, ou non só, un retrato global e malicioso da época, conténtase antes con examinarse a si mesmo sobre o palco, e determinar até que punto desenvolveran nestas dúas décadas e media o seu programa orixinal, establecido nun documento histórico intitulado “Manifiesto para un teatro Perralleiro”, hoxe obxecto de animadas disputas nas poxas de Sotheby´s ou Chistie´s. Velaí que o seu novo espectáculo, Craneos Privilexiados, poda ostentar sen vergoña o sustítulo de Crítica da Razón Perralleira, como unha sincera e humilde tentativa de establecer os límites e capacidades actuais do perralleirismo como bela arte, como outros trataron de verificar os límites da razón pura, da razón dialéctica ou da razón cínica. A crítica da razón perralleira fai seu o vello lema freudiano de que hai dúas maneiras de ser felices, unha, facerse o idiota e outra , ser idiota directamente. Non pretenderá modificar o curso do pensamento occidental, pero si alumear un espectáculo no que tal vez a filosofía e a comedia acaben por facer as paces, cando menos, de modo provisional, logo de dous mil cincocentos anos de sicera desavinganza.
Polos motivos xa confesados, “Cranios Privilixados ou crítica da razón perralleira”, o novo espectáculo de MOFA&BEFA, proponse como un regreso ás orixes, á procura da raíz e do impulso cómico que animou a carreira estas dúas luminarias do xitanismo ilustrado. E no principio,claro , era o biombo.
Pola primeira vez nun espectáculo de MOFA&BEFA, o biombo será abatido pola transparencia, presentado na súa esencia máis abstracta como simple marco conceptual: a fronteira entre o mundo das aparencias, o espazo onde a acción cómica ten lugar, e o mundo da verdade, o espazo invisíbel onde os actores se maquillan e perfilan aquilo ao que Diderot chamou o paradoxo do comediante: a súa cínica pretensión de conmover ao público cun control absoluto das propias emocións.
O diálogo filosófico , xénero referencial do espectáculo, vai fornecer toda unha galería de personaxes susceptíbeis de ser conxugados sobre o palco por Mofa&Befa , desde filósofos históricos, como Sócrates, Kant ou Nietzsche, até filósofos ficticios , como Simplicius, epítome atemporal do pensamento fácil e intranscendente, e Complexus, o seu bizarro e arquetípico antogonista.
Outros motivos filosóficos alimentarán o caudal argumental de Cranios Privilexiados, como a eterna loita entre o ben o mal, trasposta no palco nun número de esgrima, exercicios de sátira lingüistica sobre o ser e a nada, os paradoxos lóxicos máis atroces, a revisión de filósofos populares e galaicos como “ o Outro”, sempre pronto a proferir a sentenza axeitada ao momento, ou o propio anecdotario da vida dos filósofos, xénero de afortunada recepción popular, xa desde os tempos de Dióxenes Laercio.Tamén o desfile de personaxes da vida real, contrapunto obrigado de tanto elevado pensador, como testemuñan innúmero casos da literatura filosófica, tales que criadas de pensamento terrestre, militares mancos, fabricantes de venenos, empresarios de éxito, ou ras encantadas.
O argumento preséntanos a MOFA&BEFA nun momento de crise existencial que deciden superar comendo, como manda a tradición perralleira. Para iso organizan unha merenda de resonancias platónicas debaixo dunha ponte, onde a alianza entre a desesperación e a sobriedade dos alimentos, provoca un febril momento de ascetismo. As alucinacións sucédense, e a obrigada reflesión sobre o absurdo da existencia, o confuso devir do mundo ou a natureza ferinte do amor, vese salpicada pola aparición de filósofos, seres mitolóxicos, antigas personaxes do propio repertorio , e outras presenzas enigmáticas máis ou menos actuais, que acompañan e comprometen a tentativa desesperada de Mofa&Befa por aprender a pensar, para pensar no que facer.
Tal vez nesta sucesión vertixinosa de situacións e personaxes, reducido o diálogo filosófico a maltratada comparsa da vontade cómica, as grandes preguntas queden sen resposta, tal vez os límites da razón prerralleira sexan tan estreitos que esta apenas sexa quen de comprender minimamente a realidade. Con todo, a intención , é só entreter ao público, mesmo coas filigranas e peripecias do pensamento abstracto, e mesmo que iso aboque ao fracaso máis estrepitoso. Aceptar o fracaso, non é só a secreta ambición da filosofía como a premisa de vida de todo pallaso. E diso é do que se trata.
O acto terá lugar este venres, 11 de maio , ás 21 horas no auditorio da Casa da Cultura de Burela.
As entradas , 5 euros.
A Delegación Municipal de Cultura organiza , e conta co patrocinio da Rede de Teatro e Auditorios de Galicia e AGADIC.

Datos xerais:

.clasificación: teatro / comedia.
.duración : 90 minutos.
.público: adultos.
.autor: Carlos Santiago e Pepe Sendón.
.dirección: Carlos Santiago.
.adaptación: Carlos Santiago.
.elenco: Josito Porto e Victor Mosqueira.

Exit mobile version