Site icon Crónica3.com A Mariña

O 31 de maio rematará o ciclo de charlas sobre a saúde das mulleres, que organizaron a Concellaría de Igualdade e o CIM. Martina González falará no Teatro sobre “sexualidade e cancro, claves para unha xestión positiva”

Ribadeo, 25 de maio de 2018. A sexóloga Martina González Veiga pronunciará unha charla en Ribadeo o vindeiro xoves, 31 de maio, no Teatro. Con esta intervención concluirá o ciclo de conferencias sobre a saúde das mulleres que comezaron semanas atrás.
Desde a Concellaría de Igualdade sinalan que “rematamos o ciclo de charlas sobre a saúde das mulleres que comezamos desde a Concellaría de Igualdade de Ribadeo. Así contaremos de novo coa sexóloga Martina González Veiga que impartirá unha charla obradoiro sobre Sexualidade e cancro, claves para unha xestión positiva. Esta charla terá lugar o xoves, 31 de maio, ás 20.00 horas no Teatro”.
E engaden que “moitos son os mitos e poucos os recursos que nos proporcionan para autoxestionar os nosos corpos e a nosa sexualidade. Isto complícase cando temos algunha enfermidade coma neste caso o cancro. Este obradoiro pretende plantar a semente do amor cara unha mesma e do autocuidado, como punto de partida para xestionar a nosa sexualidade do xeito que queiramos e nos veña ben, dende o poder que nos da o coñecemento. Crearase un espazo seguro de aprendizaxe, diversión e goce no que se adquirirán ferramentas para vivir mellor e facer fronte as dificultades sexuais”.
Martina González Veiga é psicóloga xeral sanitaria, especializada en sexoloxía, terapia sexual e de parella; especialista en Intervención e Acompañamento Psicolóxico en Diversidade Sexual e de Xénero. Técnica en Animación Sociocultural; divulgadora científica, deseña e leva a cabo numerosas actividades educativas e formativas, tanto para público xeral como para institucións, organizacións e profesionais; conta con numerosas intervencións en congresos e xornadas de sexoloxía. É fundadora e directora do Centro de Sexoloxía con mucho gusto!, colaboradora habitual en medios de comunicación (prensa, radio e televisión), actualmente conta coa sección semanal Consellos con Sexo no programa Galicia por Diante de Radio Galega. É tamén vogal da Sociedade Internacional de Especialistas en Sexoloxía (SÍSEX), membro da División de Psicoloxía Clínica e da Saúde do Consello Xeral de Psicoloxía de España e membro da Asociación Galega de Comunicación de Cultura Científica e Tecnolóxica (AGC CCT).

Exit mobile version