Site icon Crónica3.com A Mariña

O 7º Viveiro de Balonmán volverá reunir a vindeira semana a uns 250 deportistas chegados de toda Galicia e Asturias

Viveiro 18-5-18. A casa consistorial de Viveiro acolleu esta mañana a presentación da sétima edición do Viveiro de Balonmán, que se celebrará a vindeira fin de semana nos pavillóns Municipal e Antonio Tarrío da cidade do Landro. Na cita, plenamente consolidada xa no calendario do balonmán galego e asturiano, participarán uns 250 nenos pertencentes a distintos clubs destas dúas comunidades autonómicas.

Na presentación participaron o concelleiro de Deportes de Viveiro, Emilio Villarmea, e Aitor Freiría e David Villares, adestradores de base e xogadores do primeiro equipo do Balonmán Galipizza Viveiro. O edil alabou o traballo que fan desde o club para organizar o torneo e destacou a axuda que ofrece o Concello a todos estes tipos de actividades “que atraen moitos visitantes á nosa cidade polo que serven para dinamizar a economía local e para promocionar Viveiro”, sinalou.

Pola súa banda, Aitor Freiría explicou que serán un total de 19 os conxuntos que participarán nesta edición, na que debutarán dúas entidades, o Rodeiro dezano e o Ribadesella asturiano. “Así mesmo, de novo volveremos ter connosco aos amigos do OAR Coruña, Balonmán Lucus, Balonmán Lalín e aos avilesinos do Quirinal e o Santo Ángel Bosco”, recordou. Na categoría infantil loitarán 5 conxuntos polo título, na alevín mixta farano un total de 10 e por coroarse campións de benxamín mixto haberá outros 4 conxuntos.

Os encontros darán comezo o venres, día 25 de maio, ás 18 horas e remataron ao redor das 21: 40 horas. A primeira fase do torneo retomarase o sábado, día 26. A xornada matutina será entre as 10:30 e as 13:30 horas, mentres que na sesión vespertina haberá partidos desde as 16 horas ata as 8 e medio da tarde. Os partidos polas medallas terán lugar o domingo, día 27, entre as 10 e as 14:30 horas, sendo posteriormente a entrega de trofeos e recordos a todos os participantes.

Ademais do Concello de Viveiro, co Viveiro de Balonmán colaboran a Deputación de Lugo, o Servizo Provincial de Deportes da Xunta e o grupo Galipizza.

Exit mobile version