Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG acertou cando decidiu abandonar SUPLUSA

Lugo, 25 de maio de 2018. Ante a noticia da aprobación por parte do Consello de Administración de SUPLUSA dun salario de 57.000 € para o seu presidente, Manuel Martínez, dende o BNG crese que a decisión é completamente inxusta co conxunto da cidadanía, que ve como unha vez máis ten que manter a uns políticos que o único interese que os move e sacar rédito persoal.
Do mesmo xeito, tamén nos parece indecente a actitude do PP, o cal non ten ningún escrúpulo en utilizar os seus votos para compra de vontades políticas, avalando deste xeito este tipo de comportamentos contra os que todos e todas deberíamos loitar.
Máis asesores de luxo e máis dietas
Outra cuestión tamén bastante escandalosa e a aprobación de que o presidente se dote dun asesor de luxo (nivel II porque a lei impide que sexa de nivel I), coma se non foran suficientes o grupo de funcionarios de alto nivel que ten á súa disposición ou o xerente e secretario, ámbolos dous xa xubilados, que tamén están á súa disposición.
O BNG tiña razón
Todo este tipo de actuacións veñen a darlle a razón ao BNG cando se opuxo en solitario a que unha persoa distinta do presidente da Deputación presidira SUPLUSA. Xa daquela dicíamos que esta bicefalia ía provocar todos estes problema e, por desgraza, así aconteceu. Hai que lembrar que tanto PP como PSOE votaron naquel momento por esa opción que no BNG xa valorábamos como unha barbaridade.
Tamén acertamos cando a semana pasada decidimos abandonar o Consello de Administración de SUPLUSA, pois valorábamos que neste momento esta entidade só servía para ser utilizada para beneficio de Martínez e do PP, tanto en termos políticos como agora persoais.
Darío Campos e o PSOE tamén son responsables
O PSOE e o presidente da Deputación non poden ser alleos a esta reponsabilidade, pois non fixeron nada por introducir os cambios necesarios que propoñía o BNG cando puideron facelo a agora “fóiselles” das mans e xa non poden levalos a cabo. “Mentres usaron SUPLUSA para o seu beneficio non quixeron cambiar nada e agora que se lles volveu en contra xa non teñen opción. Son tan culpábeis como Martínez ou o PP, so que cambiou quen saca o proveito”, rematou o voceiro do BNG na Deputación.

Exit mobile version